O BNG esixe a devolución das comisións de mantemento abusivas que está a cobrar ABanca

Abanca
Abanca
O cabeza de lista propón unha banca pública galega e reclama para a súa creación a reversión dos 9.000 millóns de euros do rescate bancario

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, esixiu hoxe ás portas da oficina central de ABanca en Pontevedra a devolución das “abusivas” comisións de mantemento que a entidade está a cobrar ás persoas usuarias. O nacionalista, acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo e doutros cargos orgánicos e institucionais, destacou que o Bloque está “radicalmente en contra destas prácticas” que afectan fundamentalmente a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en situación de ERTE.

Bará sinalou que o cobro de 50 euros de comisión de mantemento por semestre é totalmente abusiva e afecta directamente á economía da maioría social do país, ademais, nun momento tan delicado como o actual no que se están a sufrir as consecuencias económicas da pandemia da COVID-19. “Esta banca privada beneficiada por Feixóo gaña centos de millóns de euros cada ano, no ano 2019 uns 405 millóns de euros, a base de meter ‘sablazos’ como os 50 euros de comisión semestral cobrados recentemente. Dende logo o BNG está radicalmente en contra destas prácticas abusivas”, dixo o cabeza de lista, engadindo que o Bloque defenderá tanto a devolución das comisións abusivas como a devolución do rescate de Abanca para crear unha banca pública galega.

Neste sentido, o cabeza de cartel defendeu a necesidade dunha banca pública para axudar ao desenvolvemento do país tal e como existe en moitos países europeos como Alemania ou Holanda, “onde é unha banca rendíbel, saneada e que dá beneficios”. Destacou que no caso galego tería dous obxectivos principais, o primeiro fomentar e financiar obra pública e de interese social, por exemplo a construción de vivendas sociais, residencias e hospitais, centros de día ou institutos. Por outro lado tamén tería como obxectivo impulsar o tecido produtivo e a actividade industrial participando en sectores económicos e empresas estratéxicos para o país.

“O BNG quere un banco público e o PP protexe e beneficia á banca privada que foi desmantelada e resultado da desfeita das caixas que é responsabilidade directa do señor Núñez Feixóo”, indicou, para lembrar que ABanca foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e malvendida por mil millóns que a empresa xa recuperou no primeiro ano.

Segundo explicou Bará, unha banca pública permitirá achegar liquidez en momentos críticos como o actual, ao tempo que será o motor financeiro para o tecido produtivo galego, en especial as PEMEs, e permitirá orientar o financiamento cara a proxectos estratéxicos na reorientación do tecido produtivo.

Entre os efectos positivos que banca galega tería no desenvolvemento do tecido produtivo galego o cabeza de cartel destacou a implicación directa no desenvolvemento do país a través da aposta por sectores ou áreas onde as entidade privadas non o fan agora por non obter as rendibilidades desexadas; ou evitar a fuga de capitais cara a outros territorios mediante a captación de aforro galego para destinalo a investimento do tecido produtivo galego.

Tamén salientou o apoio no financiamento de actividades estratéxicas para o desenvolvemento do territorio concedendo créditos a máis longo prazo; maior capacidade de intermediación, xa que após a reconversión financeira as entidades financeiras están máis concentradas cara a actividades máis especulativas; e a facilitación de acceso a servizos e produtos financeiros para determinados segmentos de poboación teñen dificultade para a súa obtención, como dispoñer de tarxetas de crédito ou domiciliación bancaria da nómina, entre outras.

Bará destacou que para poñer todas estas iniciativas en marcha é preciso un cambio galego o vindeiro 12X, poñendo a Ana Pontón de presidenta e facendo historia. Destacou que é precisa a mobilización do voto e destacou que ninguén que non estea satisfeito coas políticas actuais do PP pode quedar na casa. Así mesmo, advertiu da necesidade de concentrar o voto galeguista no BNG, xa que do contrario, “tanto a abstención como a división do voto serán votos para o Partido Popular ao que queremos desaloxar da Xunta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG