A portavoz de política social do BNG, Olalla Rodil defendeu este xoves na comisión 5º unha iniciativa na que lle esixía ao PP que cumprise coas súas obrigas e cos seus compromisos co Parlamento e coa sociedade galega e remitise, no prazo dunha semana, a estratexia de prevención, atención e abordaxe integral da soidade non desexada para o seu debate e tramitación na Cámara galega.
Unha estratexia, que, como lembrou Rodil, foi acordada de xeito unánime en 2019 e que o PP leva cinco anos sen facer realidade, despois de que anunciase que estaría lista entre xuño e xullo de 2021.
Na iniciativa do BNG, ademais de pedirlle ao PP “rigor e seriedade”, reclamáballe ao Executivo de Alfonso Rueda que, tamén no prazo dunha semana, entregase aos grupos parlamentarios unha copia do estudo anunciado en 2022 e que lles custou aos galegos e ás galegas máis de 300.000 euros.
O PP votou en contra.
Na súa intervención, a deputada nacionalista acusou o PP de “mentir e enganar” nos últimos cinco anos “usando a xente deste País como figurantes e atrezzo”. Cualificou a inacción da Xunta neses tema de “falta de respecto absoluta ás galegas e ós galegos”, demostrando “o pouco que lles importa este asunto” para a continuación pedirlles que “deixen de facer propaganda con problemas de primeira orde”.
Rodil replicoulle ao PP que sería mellor “ser sinceros” e recoñecer que non cumpriron cos prazos, pedir desculpas e amosar a intención de ser “áxiles”. Tras a explicación da deputada popular, Raquel Arias, de que a estratexia se atopa en “período de suxestións”, a viceportavoz do BNG convidouna a abrir a páxina de transparencia da Xunta para poder comprobar que “ese período rematou o 15 de xuño de 2024”. “Estamos en outubro, de verdade, creo que non custa nada dicir que se levan rindo de todo o mundo catro anos, señora Arias”, espetou.
“Fíxese ata que punto nos enganan que nin sequera vostede ten o estudo que nos custou 300.000 euros que tivo que dar os datos dun informe estatal do Observatorio da soidade non desexada que fixo a Fundación ONCE”, aclarou, referíndose á exposición da deputada conservadora.
Rodil recordou o último anuncio por parte do Goberno de Rueda, en 2023, no que se afirmaba, despois dun Consello da Xunta, que se comezaba a tramitar a estratexia. “Realmente o único que fixeron foi dar conta dun informe, non sabemos se foi o que custou 300.000 euros”, indicou.
O compromiso do BNG, pensar en colectivo, tecer comunidade
En setembro de 2023, O BNG volveu levar o tema ao Parlamento, e o PP comprometeuse daquela a enviar e tramitar a estratexia contra a soidade antes de rematar ese ano, pero unha vez máis, nada se soubo.
É pos iso que o BNG volve á Cámara para esixirlle ao PP que cumpra co acordo unánime de 2019 e que remitan, como se comprometeron, a estratexia a esta Cámara para ser tramitada coas achegas dos grupos, ademais de enviar unha copia do informe que lles custou aos galegos e ás galegas máis de 300.000 euros.
Rodil, durante a súa exposición, asegurou que “estamos comprometidas cunha sociedade do benestar que pense en colectivo, que teza comunidade” porque, subliñou, “ningunha persoa debe estar soa se non o desexa, nin moito menos sufrir sen o amparo do conxunto da sociedade, porque -engadiu- a soidade enferma, fainos fráxiles e incrementa o deterioro da persoa que vive nela e do conxunto da sociedade que vive allea a esa situación”.
A deputada reclamou que se atenda unha realidade crecente, que atinxe tanto á xente vella coma á xente nova e que supón “un factor de risco e un condicionante tanto para a saúde física como emocional”, advertiu, enmarcando a soidade non desexada no contexto dunha sociedade cada vez máis individualista e con profundos cambios sociais.
Insistiu en que a soidade é “un problema grave na sociedade actual que merece a máxima atención por parte da Xunta e recursos públicos suficientes”.
Rodil rematou a súa intervención pedíndolle ao PP que “deixen de facer propaganda e póñanse de verdade a traballar e a cumprir. Xa non lles pido máis do que vostedes mesmos prometen”, rematou.