O BNG demandou ao Executivo do PP no Pleno do Parlamento a aplicar as medidas dentro da súa competencia no eido sanitario para resolver a situación de colapso e precarización do sistema público de saúde, motivo polo que as galegas e galegos saíron ás rúas de Compostela o pasado 12 de febreiro esixindo unha sanidade pública de calidade fronte os recortes do PP.
“O pobo galego deu unha nova mostra de dignidade e unidade, saíu á rúa farto de tanta mentira, farto de tanta propaganda e farto de que a Xunta non aporte ningunha solución”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que recriminou aos Populares que non asuman “ningunha responsabilidade” en arranxar a crise da atención primaria en Galiza e que prefiran “buscar culpábeis en vez de ofrecer solucións.”
Un modelo do PP fronte ao cal o BNG propuxo unha batería de medidas para que a Xunta aplique as súas competencias en materia sanitaria. Isto require, demandou Prado, pasar a un modelo “de equipos multidisciplinares de profesionais, en número suficiente e con estabilidade laboral para poder atender en condicións as demandas da poboación”. Un novo modelo garanta as galegas e galegos “ter os mellores coidados sanitarios, unha atención sanitaria de calidade e que protexa aos e ás profesionais da sanidade pública galega cun traballo en condicións dignas”.
Máis orzamento, máis información e maior calidade no servizo
A mellora da sanidade pública galega non se entende, detallou a deputada do Bloque, sen un aumento do orzamento destinado a Atención Primaria “até chegar ao 25% do total destinado a Sanidade”. Polo que é preciso, defendeu, “un plan de choque de 200 millóns de euros” que compense os 2.339 millóns de euros que o PP xa recurtou na sanidade pública dende 2009.
Un dos eixos onde quere incidir a proposta do BNG, detallou a parlamentaria nacionalista, é elaborar “un informe coa situación de cada servizo e unidade de Atención Primaria” que permita a administración coñecer o número de profesionais de cada categoría precisos “para acadar os rateos necesarios”.
Ademais, explicou Prado, este informe debe ir dun estudo “sobre as consecuencias en termos de morbilidade e mortalidade na poboación galega dos déficits na atención sanitaria”, en relación aos PACs con profesionais “moi por debaixo do establecido ou sen profesionais sanitarios sen substituír, con prazas vacantes, déficit de ambulancias e listas de agarda”, criticou.
Outra prioridade para a mellora da calidade asistencial, argumentou a parlamentaria do Bloque, é a posta en marcha dun plan de “retorno, e fidelización de profesionais” que inclúa ofertas atractivas e competitivas no económico e laboral. Esta calidade viría garantida na dotación necesaria de pediatras “en todos os centros de saúde”, porque “non é de recibo que haxa crianzas en Galiza que aínda non foron atentidas por un só pediatra”, criticou.
Neste sentido, a deputada do BNG enfatizou a necesidade “de equipos completos de profesionais dispoñibles nos PACs “formados por persoal facultativo, enfermería e celadores e celadoras”, o que implica, incidiu, “en rectificar a intención de que persoal de enfermería preste atención en solitario ante a ausencia de persoal facultativo”, medida proposta polo PP que está a ser contestada polo persoal enfermeiro.
A proposta da formación nacionalista inclúe tamén, declarou Prado, un redimensionamento do servizo de ambulancias, “tanto no ámbito territorial como de recursos, para rematar cos déficits históricos que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos suficientes”. En concreto, destacou a falta de ambulancias de comarcas como Lalín-Deza, Barbanza, Bergantiños, Baixo Miño ou Valdeorras.
Prado denunciou que non só “se está deixando poboación sen atender” senón que tampouco se están a atender as novas necesidades do sistema de saúde. “A enfermidade e a forma de enfermar mudou” polo que é preciso unha Atención Primaria “que non só dea resposta aos problemas agudos senón que a prevención da enfermidade e a promoción da saúde teñen que ser fundamentais”, algo que a proposta do BNG recolle mediante a incorporación de novas categorías nos servizos do SERGAS, como son a psicoloxía clínica, a terapia ocupacional, logopedia, traballo social, podoloxía e óptica e optometría, entre máis disciplinas.
Unha mellor formación para a sanidade pública
Para garantir a calidade na formación dos e das futuras facultativas, a portavoz de Sanidade instou ao Goberno do PP “a iniciar todas as actuacións precisas para solicitar do Goberno central a transferencia de todas as competencias relacionadas cos programas de formación MIR, EIR e PIR”.
Mentres este traslado de competencias non se produza, a proposta do BNG contempla un censo dos centros de saúde acreditados en condicións para selo, tanto en espazo, recursos como profesionais que cubra as vacantes en formación “con persoal que cumpra as condicións para impartir formación nos centros docentes”. Para acadar unha mellor formación a iniciativa tamén recolle un Estatuto de Titoría en Formación, que incentive esta figura “con estímulos profesionais, tempo para a actividade e oferta de formación”, explicou Prado.