O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presenta as principais medidas sociais que defenderá a través de emendas presentadas ao Proxecto de Orzamentos de 2023. A organización nacionalista aposta por desenvolver políticas que permitan paliar a situación provocada pola suba de prezos que está a provocar o empobrecemento das clases populares do Estado. Rego destaca a suba das pensións mínimas, garantir o financiamento a 50% da Lei de Dependencia, unha política tributaria mási xusta, apostar polas políticas públicas en materia de vivenda, reducir o gasto militar e facilitar o acceso a produtos de primeira necesidade a través da baixada dos prezos.
A frente nacionalista reclama subir o Salario Mínimo Interprofesional para situalo en 60% do salario medio e unha suba salarial de 5% para o persoal ao servizo do sector público en cada unha das tres anualidades (2022-2024) con efectos retroactivos, para recuperar 17% do poder adquisitivo durante o período comprendido entre 2010 e 2022. “Esta suba no sector público tamén contribuiría a subir os salarios no sector privado porque sabemos que a evolución dos salarios dos empregados públicos acaba marcando a negociación no ámbito privado. Ningún traballador e traballadora debe perder poder adquisitivo” afirma o deputado do BNG que sinala a escasa repercusión que tería a suba de 3,5% proposta polo executivo.
Canto ás pensións, cabe destacar a emenda rexistrada polo BNG que reclama a suba das pensións mínimas até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional -ambos no horizonte de 60% do salario medio- xa que, segundo explica o deputado nacionalista, axudaría a superar a fenda territorial e a de xénero. Rego lembra que as mulleres teñen pensións máis baixas e a Galiza tamén, con Ourense e Lugo como as dúas únicas provincias con pensións medias por baixo dos 1.000 euros (Ourense, dos 900).
Aliás, o deputado nacionalista defende que se debe “modificar a actual Lei do IRPF para garantir que os pensionistas que cobran pensións do estranxeiro non sufran un trato discriminatorios e, mentres non se realice, queremos que no proxecto de orzamentos se recolla que este tipo de pensións quedarán exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas físicas” explica Rego, referíndose ao longo contencioso que manteñen os emigrantes retornados coa Facenda española.
“Queremos modificar, ante as circunstancias actuais de crise, a Lei do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas tamén para garantir que a tributación non penalice as rendas máis baixas e con dous pagadores”, afirma Rego.
Así mesmo, no relativo á xubilación, Rego defende engadir novos parámetros para permitir a xubilación parcial e anticipada de determinados colectivos, “que desempeñan funcións en condicións de perigo, toxicidade, quendas, presión psicolóxica” sen que estas persoas reciban penalización, a partir dos 52.
Alén do máis, a formación nacionalista reclama un aumento da partida destinada ao financiamento da Lei de Dependencia por parte do Estado “para garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos coas Comunidades Autónomas. A pesar do incremento incluído no actual proxecto, non será suficiente para cumprir co 50% de financiamento que marca a propia Lei, polo que é necesario ampliar a partida” explica Rego.
Política fiscal máis xusta e redistributiva
Rego, tal e como afirmou en varias intervencións no Congreso, traballará para que as medidas temporais anunciadas polo Goberno do Estado -que chegaron tarde e son insuficientes- “se transforme en políticas permanentes e non meros parches”. Entende que é o momento de que o executivo desenvolva unha política fiscal máis xusta e redistributiva que non repercuta negativamente nas clases populares e o conxunto das traballadoras e traballadores. “Non podemos permitir que esta crise a paguen o conxunto das clases populares e os pobos” sentencia.
Neste sentido, a organización nacionalista, para alén de reclamar a continuidade temporal dos impostos ás enerxéticas, a banca e as grandes fortunas, propón nas súas emendas unha nova táboa para o gravame do imposto sobre patrimonio co obxectivo de adecuar a tributación e incrementar o imposto en un punto a partir do millón de euros. “Con esta proposta garantiríase o obxectivo tantas veces repetido de que pague máis quen más ten”.
Tipos impositivos reducidos
ao mesmo tempo, o BNG defende reducir a carga impositiva ás clases populares, especialmente nun imposto non progresivo como o IVE, pasado ao tipo superreducido produtos e bens esenciais. Entre eles, o Bloque Nacionalista Galego entende a necesidade de incluír os produtos pesqueiros por tratarse dun ben de primeira necesidade e favorecer, por unha banda, o dereito das familias a ter unha dieta variada e poder acceder ao seu consumo e, por outra, axudar ao sector pesqueiro con especial implantación na Galiza.
“Para frear a suba exponencial das facturas no conxunto dos fogares do Estado propomos a aplicación do IVE superreducido a produtos esenciais e básicos como a distribución de auga, gas, calor, frío, enerxía eléctrica e demais modalidades de enerxía” enfatiza o deputado do BNG. Paralelamente, defende ampliar os produtos recollidos na lei para englobar todos os de hixiene feminina: “queremos sumar todos aqueles produtos que na redacción proposta quedan fora”.
Así mesmo, pasarían ao IVE superreducido bens e prestacións de servizos de carácter cultural, así como a entrada en bibliotecas, arquivos e centros de documentación. “Tamén aplicalo na entrada para museos, galerías de arte, pinacotecas, salas cinematográficas, teatros, concertos e demais espectáculos ao vivo. Na emenda non se inclúens os festexos taurinos xa que non se trata dunha actividade cultural, senón de maltrato animal que debe ser prohibido” especifica Rego.
No IVE a 10% tal como se comprometeu a organización nacionalista co sector na súa xusta loita, Rego traballará para que sexa baixado para as actividades no sector dos salóns de peiteados e imaxe persoal. “Trátase dunha actividade básica para a maioría da cidadanía que mesmo se incluíu como esencial durante o primeiro estado de alarma. A baixada do IVE axudaría a fomentar o acceso a estes servizos e aliviaría a carga dos autónomos e pequenas empresas que agora tamén afrontan a crise pola suba de prezos”. Alén do máis, a frente nacionalista sinala que tamén se debe aplicar o tipo reducido no IVE aos servizos veterinarios.
Política de vivenda pública
A organización nacionalista quere garantir o dereito á vivenda por se tratar dun dereito fundamental. “É necesario mobilizar o parque de vivenda baleira e, neste sentido, urxente facelo cos máis de 3.000 inmóbeis que unha entidade pública como a SAREB ten na Galiza para destinalos a vivenda social ou vivenda de protección oficial” subliña o deputado do BNG. Para que isto aconteza, a frente propón realizar a transferencia dos activos da SAREB á administración galega para constituír unha bolsa de vivenda pública “que permita facilitar o acceso á vivenda das persoas e colectivos máis desfavorecidos e da mocidade”.
Apoio aos sectores máis afectados pola crise
A crise xerada pola COVID-19 e a crise que agora mesmo se está a producir ante a suba descontrolada dos prezos, ademais de afectar de maneira directa as familias, está a provocar que sectores con gran peso na dinamización da economía estean pechando ou mesmo desaparecendo.
Neste sentido, o BNG considera fundamental o apoio aos sectores agrogandeiro e pesqueiro, par alén de atender a grave crise industrial que arrastra a Galiza, polo que propón un plan para a reactivación da actividade económica e industrial, atendendo tamén a transición xusta.
Ademais, para o deputado nacionalista hai que atender sectores como o da restauración que tanto sufriu durante a crise do coronavirus, así como o do comercio de proximidade. “Estes sectores precisan de axudas, por iso defendemos a creación dun plan de dinamización da hostalaría e o pequeno comercio na Galiza” apunta Rego.
Alén do máis, o deputado da frente nacionalista lembra que o sector cultural tamén foi e está a ser un dos máis prexudicados polo que entende que “é necesario estabelecer un fondo específico que recolla e atenda as necesidades e demandas do sector”.