O BNG designa os seus representantes na comisión que investigará os “chanchullos” do Goberno do PP

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

Ana Pontón, Luís Bará, Montse Prado, Iago Tabarés e Oscar Insua conforman a representación nacionalista na comisión solicitada polo Bloque

O BNG presentou á Mesa do Parlamento o documento polo que designa aos seus representantes na comisión que investigará o sobrecuste de 40 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, as adxudicacións da Xunta a empresas amigas e vinculadas a familiares de altos cargos do PP -entre elas a que dirixe en Galiza a irmá de Núñez Feijóo- e os contratos de emerxencia da pandemia.

Representando ao BNG estarán na comisión a súa portavoz nacional, Ana Pontón, xunto aos deputados e deputadas Luís Bará, Montse Prado, Iago Tabarés e Oscar Insua. Os seus nomes foron adiantados pola viceportavoz, Olalla Rodil, que máis unha vez pediu ao PP que non obstaculice os traballos da comisión e permita que bote a andar o antes posible.

Rodil subliñou que a comisión, solicitada polo BNG facendo uso da forza dos seus 25 deputados pola vía do artigo 52.1 do regulamento da Cámara, busca “poñer luz e taquígrafos sobre os “chanchullos do PP, que como vén advertindo o Consello de Contas dedícase a usar a contratación a dedo para entregar cantidades inxentes de diñeiro público a empresas amigas do PP”, dixo.

Lembrou, neste sentido, que unha das empresas máis beneficiadas por ese tipo de contratos é Eulen, que dirixe en Galiza a irmá do ex presidente da Xunta e agora líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, a quen o BNG pedirá que compareza na comisión para dar contas da súa xestión.

“Esperemos que Feijóo, que é tan voluntarioso e que, polas súas declaracións, parece que ten toda a vontade de querer colaborar, sexa o primeiro en pedir, de motu propio, vir ao Parlamento para explicar como acabaron 1.311 contratos a dedo entregados á empresa que dirixe a súa irmá en Galiza”, asegurou  Rodil en resposta aos xornalistas.

Ademais de Feijóo, o Bloque pedirá a comparecencia do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como de todos os familiares relacionados cos contratos que se van investigar, como a irmá, a prima ou o cuñado do líder do PP. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG