“O BNG quere denunciar que o voto por correo tal e como está previsto neste momento non ten as garantías democráticas. É necesario esixir a orixe e a emisión de todos os votos e non entendemos que se poida dar cabida á posibilidade de que, sen ningún tipo de xustificación, se poda facer un voto masivo a través do persoal de correos sen as debidas garantías. Por iso denunciamos uha situación que pode terminar por ser unha fraude electoral, unha carretaxe de votos a través dunha extensión inaudita do voto por correo”, denuncia a coordinadora de campaña do Bloque, Goretti Sanmartín.
E esas garantías democráticas non se dan, alega o BNG, cun servizo postal que non ten suficiente persoal, tal e como manifestaron tamén os propios representantes dos traballadores e traballadoras de correos, nin se xustifica tampouco que un procedemento de votación que a lei prevé como excepcional, se faga extensible ao conxunto da poboación.
“Por tanto, temos esa perspectiva de que se pode estar preparando unha fraude electoral, un pucheirazo, unha carretaxe de votos e non é esa maneira de proceder a que garante dereitos básicos, como o da poboación deste país a acudir as urnas o 12 de xullo con todas as garantías democráticas para depositar o seu voto no seu colexio electoral”, recalca Sanmartín.
A formación nacionalista considera que o voto por correo é un procedemento que está previsto na lei para supostos moi concretos, para persoas electoras que non poidan acudir ao colexio electoral, e non se poder pretender universalizar ao conxunto da poboación porque non hai garantías democráticas para poder facelo, -tanto desde o punto de vista legal como desde o punto de vista da operatividade por falta de persoal-, nin se está garantindo ás persoas o seu dereito a acudir ao colexio electoral.