A través dunha pregunta ao goberno, a portavoz de Dereitos Sociais do BNG, Olalla Rodil, denunciou “o retraso” de tres anos para a elaboración da nova lei de Inclusión social que provocou que un gran número de persoas perceptoras da RISGA e do Ingreso Mínimo Vital (IMV), foran tratadas pola administración como “defraudadoras” e ás que se lle reclamou unha cantidade que percibiron de “maneira legal”. Esta cantidade, explicou Rodil, afectou a moitas persoas que “viven ao día” e a pesar desta grave circunstancia, “o goberno non reformou a lei”.
Dende as eleccións do 2020, explicou, o goberno anunciou a reforma da lei pero “despois de tres anos, seguimos sen saber nada”. A nova lei é necesaria ante a nova realidade xerada pola aprobación do IMV e para atender a realidade social e económica galega.
Rodil criticou a falta de premura do goberno e lembrou que no ano 2021 afirmaron que levaban moitos meses traballando neste asunto cando puidemos constatar, dixo, “era mentira”. En abril de 2022, como “seguían sen mover un papel e sen facer nada”, desde o BNG volvemos preguntar por esta cuestión e naquela ocasión, a conselleira afirmou que estaba todo encamiñado e que a lei estaría “lista” a finais dese ano. Eu aquel día dixen, literalmente, “poño a man no lume a que non vai estar” e nun ano despois, hoxe, 27 de abril de 2023, “non hai nada novo”.
Dende o BNG propuxemos garantir a compatibilidade da RISGA con outras prestacións, nomeadamente co IMV así como crear “unha Renda galega de inserción social e laboral que garanta ingresos equiparables ao SMI”.
Medio millón de galegos e galegas en risco de pobreza e exclusión social
En Galiza, aínda temos o 18% da poboación en risco de pobreza e exclusión social, “case medio millón de persoas” e resulta urxente atender estas realidades específicas como a pobreza infantil.
Rodil criticou que a Xunta incumpra a Lei de inclusión desde a súa aprobación porque a lei, explicou, recolle o complemento de aluguer da RISGA até o 25% do IPREM “e non se cumpre”, o decreto sitúa ese complemento no 10%, o 15% se tes fillas/os a cargo.
Tras a intervención do director xeral de Inclusión social, Arturo Parrado que anunciou o avance no borrador da nova lei, a nacionalista cuestionou a súa veracidade e replicou que en sesión plenaria do ano 2022 o PP fixo un “anunciou idéntico”. A deputada demostrou novamente a súa preocupación polos efectos da falta de modificación da lei en relación ao decreto que desenvolve a RISGA con reclamacións de altas cantidades aos beneficiarios, en moitos casos perceptoras de 600 euros ao mes.
Dende o BNG pedimos “celeridade” porque hai moitas persoas que precisan solicitar prestacións en materia de inclusión social. En todo caso, dixo, “tómolle a palabra” de que xa existe un documento de traballo e pediríalle que nos remita o texto para comezar a traballar dende o grupo parlamentario nas achegas a nova lei porque no portal de transparencia da Xunta “nunca apareceu ningún borrador”, concluíu.