O portavoz de Presidencia, Iago Tabarés denuncia os retrasos nas convocatorias de axudas aos concellos para a contratación de persoal do servizo de vixilancia, rescate e salvamento para as praias e piscinas públicas de Galiza. Considera esta demora “unha neglixencia intolerable” por parte do Goberno do PP, tendo en conta que “só no primeiro trimestre deste ano 2024 xa morreron 15 persoas afogadas, o maior número rexistrado en todo o Estado” nestes tipo de espazos acuáticos.
A convocatoria de axudas publicouse este venres no Diario Oficial de Galiza (DOG), o que, segundo Tabarés, chega tarde e “causará prexuízos aos concellos”, tendo en conta que hai un mes para presentar as convocatorias polo que “ata mediados de xullo non coñecerán o orzamento do que dispoñen para a contratación do persoal necesario”.
Tabarés lamentou que os datos de afogamentos nestes 1º trimestre de 2024 superasen aos de 2023, no que ao final do exercicio morreron por esta causa 46 persoas, “un 18% máis ca en anos anteriores”. Subliñou que “estes sucesos se producen en espazos acuáticos que carecen de vixilancia e de rescate”.
Por estes motivo, o BNG reclama ao Executivo de Alfonso Rueda que “axilice a xestión destas achegas” e advirte que “a neglixencia da Xunta do PP pode provocar que moitos concellos teñan dificultades para abrir as súas piscinas salvo que recorran a persoal privado, o que suporá un gasto moito máis elevado” para estes concellos xa de por si “infrafinanciados”.