O deputado nacionalista, Néstor Rego, denunciou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica non pode trasladar ao Concello de Compostela e a toda a veciñanza a carga financeira da estación depuradora da cidade.
O BNG presentou unha pregunta no Congreso para que o Goberno español aclare se os fondos do Plan de Recuperación Económica e Social da Unión Europea para responder á situación de emerxencia sanitaria derivada da covid-19 que irán destinados para a construción da estación depuradora de augas residuais, van implicar unha suba no recibo aos veciños e veciñas.
Agora parece que cos fondos europeos destinados para a recuperación económica poscovid, o proxecto podería ter un novo futuro. “Requiriríase igualmente un novo convenio entre os gobernos central, galego e local –sinalou Néstor Rego- mais o preocupante é que, a pesar deste financiamento europeo, as veciñas e veciños de Santiago de Compostela serían os que finalmente pagasen esta infraestrutura tan necesaria para a cidade, pois o Ministerio trasladou ao Concello que a Unión Europea vincula os fondos para a depuradora na tarifa de auga”.
O BNG insiste ao Goberno español que se debe negociar o convenio coa Xunta de Galiza e co Concello de Compostela de xeito transparente tendo en conta que se trata dunha obra de interese xeral cun custe que se debe asumir con fondos públicos e se inicie esta obra canto antes, co obxectivo de evitar que continúen as verteduras ao río Sar.