O BNG denuncia á Fundación Franco ante Bruxelas e a ONU por apoloxía do fascismo

Ana Pontón e Ana Miranda

O BNG tamén  pedirá á  Comisión da cidadanía europea visitar  o Pazo de Meirás e incluír a denuncia de crimes do franquismo na Memoria histórica activa en Europa

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanzou hoxe a denuncia ante diversas instancias internacionais  pola “aberrante” utilización  e xestión das visitas ao Pazo de Meirás pola Fundación Franco.

Ana Pontón  compareceu ante os medios de comunicación, xunto a portavoz desta forza política en Europa, Ana Miranda quen anunciou “a presentación de diversas denuncias ante a Comisión e Parlamento europeo e a comisión de Dereitos Humanos de Nacións Unidas”.

Ana Pontón avanzou  a posta en marcha “dunha fronte democrática” para iniciar institucional e socialmente a denuncia dunha   do que reiterou é unha situación  “aberrante” na que a  Fundación  Francisco Franco “coa conivencia do Goberno galego e o seu presidente Núñez Feijóo” pretende converter “nun parque temático do fascismo” o Pazo de Meirás.

Pontón cualificou  o que acontece en Meirás de  “inconcibible, incompatible coa democracia e supón unha labazada ás vítimas do franquismo e as súas familias”. Esta situación pon de manifesto, recalcou a “conivencia do Partido popular co franquismo no Estado español”.

A portavoz nacionalista asegurou que a Xunta conta con instrumentos para evitar o que sucede  no Pazo de Meirás e lembrou que mañá reanúdanse as visitas polo que o Goberno galego debe estar atento e parar esta “barbaridade” por que a súa pasividade é igual a “complicidade”.

Por outro lado avanzou que no inicio do curso político, o BNG presentará nos concellos e no Parlamento galego mocións destinadas a devolver o Pazo de Meirás ao pobo de Sada “roubado durante o franquismo” así como  declarar “non grata” á Fundación Francisco Franco e a  familia Franco e  iniciar o expediente para ilegalizar a esta fundación por facer “apoloxía do fascismo”.

Pontón tamén recordou que o BNG defenderá a lei galega de Memoria histórica destinada a recuperación e recoñecemento de todas as vítimas  e contra a “impunidade” dos crimes franquistas.

O BNG ELEVA A INSTITUCIÓNS INTERNACIONAIS A DENUNCIA CONTRA A FUNDACIÓN FRANCO

Pola súa parte, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda anunciou  que o BNG elevará unha denuncia ao Parlamento europeo e a ONU contra a Fundación Franco por “apoloxía do fascismo” e advertiu que a xestión da Fundación Franco sobre o Pazo de Meirás atenta contra “os valores europeos” e a democracia.

Miranda explicou  que non existe ningún caso semellante en Europa no que unha Fundación utilice un espazo para enaltecer os “valores e figura do ditador” como defende a Fundación Franco nas visitas ao Pazo de Meirás. Esta maneira de actuar, dixo, “atenta contra os valores europeos e os dereitos humanos” e  dende o BNG só podemos dicir que é  “antidemocrático e mesmo ilegal”.

Para a portavoz do BNG en Europa, despois da morte de Franco , o 20 de novembro de 1975 e xa transcorridos  42 anos, “o franquismo segue vivo” e a decisión de que a Fundación Franco sega xestionando o Pazo de Meirás, é “só a punta do iceberg do franquismo”. Miranda apostilou que  non teremos unha verdadeira democracia ata que esta cuestión quede resolta con “xustiza, verdade e reparación das vítimas”.

Ana Miranda lembrou as diversas iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento galego e Deputación da Coruña ás  que sumou a denuncia ante o Executivo comunitario a a inclusión na Memoria histórica activa en Europa  “os crimes da ditadura franquista” porque nese programa europeo non están incluídos, dixo.

Asemade, dixo, hoxe damos un paso máis  e anunciamos que no mes de novembro de 2017, coincidindo cos 42 anos da morte do ditador, o BNG ten previsto celebrar no Parlamento europeo un encontro con diversas organizacións, asociacións relacionadas coa recuperación da Memoria histórica de Galiza e do resto do Estado  así como expertos na ditadura franquista.