O BNG pide que o Pazo de Meirás sexa patrimonio público galego
Luís Bará pide crear unha comisión de estudo para reverter ao patrimonio público galego o Pazo de Meirás
O deputado do BNG, Luís Bará rexistra unha batería de iniciativas e pide “unha condena pública do uso do Pazo por parte da Fundación Franco por apoloxía da Ditadura e do ditador”. O deputado pregunta se sería admisible que en Alemaña ou Italia existisen palacios e fundacións dedicados a exaltar a memoria de Hitler ou Mussolini?
Asemade, solicita crear unha comisión de estudo para a devolución do Pazo ao patrimonio público e devolver aos lexítimos donos e herdeiros todas as propiedades privadas “espoliadas”.
Por outra parte, reclama aprobar unha lei galega de memoria histórica que “prohiba, persiga e sancione” os actos de exaltación do franquismo e ás entidades que os promovan.
O deputado insta ao goberno galego a velar para que as visitas do Pazo de Meirás non sexan utilizadas para transmitir unha versión manipulada da historia que ofende a todas as vítimas do franquismo e denuncia que esta actitude “chulesca e desafiante” conta coa “complicidade e permisividade do Partido popular e da Xunta” que ampara o parque temático franquista no que se converteu o Pazo que debe ser devolto a todos os galegos e galegas.