O BNG denunciou na Cámara a situación de colapso sanitario na área Pontevedra-O Salnés e a estratexia do Goberno do PP de forzar ás galegas e aos galegos a optar pola sanidade privada, mentres recorta o sistema público e precariza colectivos como o de enfermería, que a Consellería de Sanidade quere poñer de substituto mentres o PP evita contratar persoal médico.
A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, denunciou que este persoal de enfermería “non pode asumir unha responsabilidade e unha situación que non lle corresponde” e urxiu a Sanidade a dotar de “equipos médicos completos”. Denunciou a situación “diaria” dos PAC de Pontevedra-O Salnés, unha área sanitaria “que é o punto cero dos recortes en sanidade do PP e que é o punto cero, tamén, da súa contestación", recriminou. Esta área, denunciou, "conta cunha poboación de preto de 300.000 persoas e con centros médicos cun cartel que pon que non hai médico, isto é consecuencia da improvisación da Consellería de Sanidade, de ir de ocorrencia en ocorrencia”, recriminou a un PP “que manipula as palabras ata dicirnos que temos que entender que non poida haber pediatras nos centros de saúde”.
Fronte esta situación, Prado urxiu á Xunta a aplicar as propostas alternativas do BNG, “propostas que van ao estrutural”, detallou, que buscan reter aos e ás profesionais sanitarias formadas en Galiza, facer ofertas con condicións laborais dignas “atractivas para que queden as persoas formadas aquí e para que retornen as que emigraron”. Ademais, emprazou ao Goberno do PP a reforzar todas as categorías como medicina, enfermería, TCAS, fisioterapia ou matronas e celadoras. Tamén propuxo a incorporación de novas categorías como a de psicoloxía clínica, terapia ocupacional, logopedia, podoloxía e nutrición. “Galiza é a cuarta pola cola a nivel estatal en investimento en persoal sanitario, isto ten que rematar”, reclamou a deputada do Bloque.
A portavoz de Sanidade agradeceu a presenza na tribuna de convidados dos e das representantes do BNG dos concellos da área sanitaria afectada, o caso de municipios como Caldas, Poio, Cuntis, Moraña, Ponte Caldelas, Portas, Soutomaior, Barro, Pontevedra, O Grove, Illa de Arousa, Vilagarcía e Cerdedo-Cotobade; tamén a dos pais de Alan, un rapaz con necesidades especiais aínda sen pediatra asignado, “que exemplifica a política do PP para cos e cas máis pequenas”.
A resposta dos conservadores ante estas propostas de mellora da calidade asistencial e do sistema público de saúde foi a negativa, posición que Prado lamentou, xa que “a cidadanía non procura escusas, procura solucións”, concluíu.