BNG demanda tres pediatras para a atender ás crianzas de Verín e a súa comarca

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas sinalou que dende hoxe e por uns meses,  Verín conta cun novo pediatra, “un parche” do SERGAS, en resposta á manifestación convocada para o  vindeiro sábado, 11 de febreiro

A deputada do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta ao goberno ante a falta de pediatras en Verín e a súa comarca. A nacionalista explicou que  hai un ano foi suprimida “unha praza” de pediatría no centro de Saúde de Verín reducindo de “tres prazas a dúas” das que outra quedou sen cubrir por unha excedencia.

Curiosamente, hoxe mesmo, indicou Noa Presa, ante as protestas e a convocatoria da manifestación para o vindeiro sábado, día 11 de febreiro, o SERGAS decidiu cubrir unha praza  cun  pediatra máis,   un pediatra xubilado e que esgotará  os meses que lle quedan ata o 72 anos, servindo ao sistema sanitario público. “Un parche do SERGAS” que non solucionará o problema.

Presas agradeceu publicamente a vocación de servizo público  do novo pediatra pero considerou que a medida de sanidade “non é a solución” e o PP aínda ten outra praza por cubrir. Ademais, explicou, “nuns meses o Dr. Losada cumprirá 72 anos e o PP volverá a encontrarse con dúas prazas sen cubrir”.

A nacionalista lembrou que na actualidade 4.000 nenos e nenas non teñen garantido o servizo de pediatría, deben agardar semanas para a súa atención, as revisións están paralizadas dende hai tres meses e pais e nais deben acudir ao Hospital Comarcal xa “saturado dabondo”.

Na formulación da pregunta, Noa Presas lembrou que un neno ou nena de Laza cunha infección respiratorio debe ser trasladado durante hora e media en coche ao hospital de Ourense e coa previsión de 8 horas de espera.

Ante esta situación, que a deputada cualificou de “límite”, a poboación recolleu máis de 3.000 sinaturas e transmitiu a súa preocupación á Xunta, sen que polo momento, recibira resposta algunha ao que sumou que o  vindeiro sábado, volverá a reclamar unha solución na manifestación á que asistirán os veciños e veciñas do Val de Monterrei que “son un orgullo na defensa da sanidade pública”, enfatizou  a nacionalista.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio  García Comesaña respondeu a deputada do BNG que a consellería sigue traballando para atopar pediatras pero  o servizo está cuberto. A nacionalista replicou que “deixe de mentir” porque non lle minte ao BNG,  “míntelle a cidadanía de Verín e a súa comarca”.   

 

A deputada foi moi crítica e pediu “humildade e vergonza” ao conselleiro por afirmar no Parlamento galego que os recortes en sanidade son “unha invención”. A nós, dixo,  non nos insulta, coas súas palabras, está “insultando a todas esas persoas que asinaron unha reclamación” dirixida a súa consellería  para solucionar o problema.

 

Noa Presas lembrou a grande loita cidadá contra a decisión do PP para pechar o a sala de partos do hospital de Verín e que finalmente, despois dunha grande mobilización social, tivo que rectificar e crear as condicións para atraer aos profesionais. Agora, sinalou, “aqueles nenos e nenas que vostedes non querían que naceran en Verín, atópanse cunha servizo insuficiente de pediatría”.

 

Os parches, reiterou, a deputada, poden servir para uns meses ou complementar horas pero o que hai que resolver con urxencia son as demoras de revisións pediátricas de más de tres meses, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG