Congreso

O BNG demanda ao Goberno respectar o mergullo a apnea para o marisqueo

Néstor Rego sinala que a normativa presentada polo Goberno mostran o descoñecemento do marisqueo na costa galega, concretamente na augas de Fisterra e da Costa da Morte na extracción de moluscos bivalvos como o longueirón e a navalla.

O BNG tamén solicitou iniciar os trámites necesarios para transferir á Xunta de Galiza as competencias en materia de regulación das condicións de seguridade das actividades de mergullo.

O BNG vén rexistrar unha Proposición non de Lei para a reforma do Real Decreto polo que se determinan as condicións de seguridade das actividades de mergullo co obxectivo de introducir unha excepción na prohibición da apnea para o marisqueo extractivo de moluscos bivalvos como o longueirón e a navalla. “Unha actividade marisqueira singular da que viven moitas familias da Costa da Morte” salientou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego.

O BNG considera que a nova norma introduce varias cuestións que mostran o descoñecemento do marisqueo na costa galega, concretamente na augas de Fisterra e da Costa da Morte, realizado pola maioría dos profesionais mediante a técnica denominada ir a pulmón. “O marisqueo extractivo da navalla e longueirón é unha actividade consolidada desde que no ano 1983 a Consellería de Pesca da Xunta de Galiza regulase, por primeira vez, a captura destes bivalvos” salientou o deputado nacionalista.

Dada a especial relevancia que ten ir a pulmón para a extracción profesional destes bivalvos para os mariscadores da Costa da Morte e as súas familias, Néstor Rego advertiu da grande repercusión negativa que suporá a aplicación desta normativa. O BNG defende que a mellor forma de mellorar a seguridade destes profesionais, non é prohibindo o seu medio de vida, senón aplicando unha revisión dos coeficientes redutores de xubilación, que lles permita traballar nas mellores condicións físicas e a súa retirada a unha idade que dignifique o duro traballo ao que se expoñen durante tantos anos.

Por outra parte, esta normativa non ten en consideración as peculiaridades dos Plans aprobados pola Consellaría do Mar, que inclúen un número determinado de embarcacións e de permisos de explotación. O BNG considera que se ese debería ser o punto de partida para elaborar as medidas de seguridade e non impor medidas exixindo a maiores embarcacións de apoio, persoal necesario ou tempos de inmersión sen ter en conta a realidade da actividade.

Neste sentido, Néstor Rego salienta  que “é a Xunta de Galiza quen planifica a extracción dos recursos porque é a administración que ten as competencias, a capacidade e os medios para facer seguimento e inspeccionar a aplicación dos criterios regulados”. Por iso, o BNG instou, a través desta iniciativa parlamentaria, a iniciar os trámites necesarios para transferir á Administración Galega as competencias en materia de regulación das condicións de seguridade das actividades de mergullo xa que por ser claramente complementaria das competencias exclusivas en materia de acuicultura, marisqueo e augas interiores, serían xestionadas de forma máis coherente e coordinada. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG