A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas reclamou ao Goberno galego desenvolver un proxecto cultural para o ano 2022, “comprometido cunha cultura viva, sen complexos nin prexuízos”.
Queixas defendeu dez medidas de impulso entre as que destacou: a “redución do IVE cultural do 10% ao 4%, destinar o 1% dos orzamentos da Xunta e o 2% dos fondos Nex Generation para incrementar o investimento cultural e impulsar a Lei do Fondo Cultural” así como “reformular o Xacobeo 2021”,para que sirva de “impulso e estímulo da produción cultural propia galega e mostra para os visitantes da cultura que facemos”.
A nacionalista comezou a súa intervención parabenizando ao xornalista e escritor, Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa pola novela Virtudes e misterios que proxecta a reconstrución do mundo da emigración galega a Londres, a través de personaxes femininas.
A portavoz de cultura lembrou que tras a interpelación do BNG ao conselleiro, en sesión plenaria, sobre a urxencia de encetar unha estratexia cultural, adaptada á conxuntura económica actual, para acompañar os sectores culturais galegos na recuperación e reactivación cultural, “o compromiso do goberno para apoiar á cultura, aos creadores e as industrias culturais, non mudou”, e recomendou a Román Rodríguez a lectura do último Barómetro da Cultura galega que outorga un “suspenso” a xestión cultural do PP e mesmo conclúe que ofrecer créditos a empresas “non foi unha medida para presumir”. A dinámica da pandemia agravada polos protocolos de cabida nos espazos culturais, explicou, provocaron “a maior destrución de emprego entre as empresas de artes escénicas”.
Queixas remarcou que na actualidade, “o 75,7% das empresas enquisadas segue a padecer unha facturación inferior á de 2019, sendo as artes escénicas as que padeceron perdas na facturación superiores ao 50%”.
En xullo de 2020, só o 3,3% das empresas tiña expectativa de non ter perdas na facturación; “un ano despois esa porcentaxe sobe ao 22,7%”, a pesar de ser a cultura unha das actividades máis seguras que se desenvolveron.
A nacionalista remarcou que a “política do non do Partido popular” contra a cultura galega e feita en galego, constata que despois de doce anos non existe o Plan de dinamización da lectura, nin a lei de Artes escénicas. Despois de doce anos, foi ignorado o potencial dos videoxogos e unha política de internacionalización da cultura galega Despois de doce anos non temos Plan integral da Danza e as nosas investigadoras e investigadores en patrimonio cultural, seguen marchando de Galiza. Nove anos despois segue sen desenvolver a Lei de bibliotecas e o Plan de Arquivos da Xunta de Galiza, “tan necesario e demandado”.
Queixas reclamou constituír unha mesa de diálogo cos sectores culturais para adecuar a estratexia cultural ás necesidades actuais, desenvolver unha campaña de activación social e promoción da creación e produción cultural en lingua galega a través dos medios de comunicación públicos e privados, crear unha comisión plural e representativa do sector do libro para presentar en 2022 o Plan de dinamización da lectura, activar un plan de axudas directas á creación para reforzar o proceso creativo dos autores e autoras galegas, impulsar a internacionalización das empresas audiovisuais galegas e reformular o proxecto do Xacobeo 2021 “para que sirva de impulso e estímulo da produción cultural propia galega e como mostra para os visitantes da cultura que facemos en Galiza.”
O Partido popular votou en contra do decálogo defendido pola deputada do BNG.