O BNG defenderá no debate sobre os vindeiros Orzamentos do Estado para 2023 unha aposta decidida para ampliar as políticas sociais e o cumprimento dos acordos asinados polo Goberno nesta materia. O deputado da formación nacionalista demanda o incremento das pensións mínimas, do Salario Mínimo Interprofesional e dos salarios do persoal público conforme á inflación, garantir o financiamento de 50% á dependencia ou a creación de tres xulgados para a loita contra a violencia machista en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Aliás, exixe que os máis de 3.000 millóns de euros que o goberno quere destinar a incremento do gasto militar se dediquen a políticas sociais. Todas estas medidas, en opinión do BNG, axudarían a paliar as consecuencias da crise social e económica xerada pola suba disparada dos prezos.
Para a organización nacionalista, o acordo acadado para a suba dos salarios dos empregados públicos está lonxe da evolución da inflación, polo que, “se non se corrixir, suporá perda de poder adquisitivo”. Coa previsión actual, os salarios dos empregados e empregadas públicas ficarían para 2022 en 3.5% mais estamos a falar de 9% de inflación o que supón 5’5 puntos porcentuais da perda de poder adquisitivo” subliña Néstor Rego.
Rego lembra que o estabelecido para as administracións públicas acaba marcando en boa medida -polo menos no teito- os acordos salariais no ámbito da negociación colectiva “Non podemos aceptar que esta crise a paguen de novo os traballadores e as traballadoras e as clases populares co empobrecemento pola vía da perda continuada de poder adquisitivo, como xa ten acontecido no pasado” explica o deputado nacionalista.
Tamén reclama o BNG subir o Salario Mínimo Interprofesional para achegalo a 60% do salario medio e, cando menos, conforme á inflación. O deputado nacionalista salienta que a suba para 2022 foi de 3,6%, mais a inflación situouse no Estado en 6,5%. “Estamos falando de que as persoas que menos percepcións salariais teñen perderon poder adquisitivo. Máis aínda se falamos dos galegos e galegas, posto que a inflación no noso País está un punto por riba da media do Estado” anota.
O Goberno do Estado tampouco está cumprindo en materia de pensións, posto que se comprometeu a subir as pensións mínimas até 60% do Salario Medio. “Esta medida axudaría a superar dúas fendas: por un lado, a fenda de xénero, posto que as mulleres perciben as pensións medias máis baixas, en comparación cos homes; e, por outro lado, a territorial. Galiza ten das pensións máis baixas do Estado. Ourense, posúe a pensión media máis baixa, que se sitúa en 60% da máis alta” sinala o deputado do BNG no Congreso.
Alén do máis, o deputado do BNG avanza que reclamará o cumprimento doutros compromisos en política social adquiridos. “A participación do Estado en materia de dependencia debe situarse en 50%, tal e como estabelece a propia Lei. Non vemos que no proxecto de Orzamentos presentados polo Goberno se cumpra esta premisa” demanda o deputado nacionalista.
Aliás, o BNG exixe que os máis de 3.000 millóns de euros que o goberno quere destinar a incremento do gasto militar se dediquen a políticas sociais.
Orzamentos feministas para 2023
“Non podemos aceptar como inevitábel a violencia machista. Precísanse máis recursos, máis medios e accións para axudar as mulleres. Hai que ir máis aló do que se está a facer porque é evidente que non abonda, ademais de confrontar un discurso negacionista dunha parte da dereita que provoca unha indefensión maior nas mulleres” defende Rego.
Neste sentido, a organización nacionalista reclama a creación de tres xulgados de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ourense e Lugo. “O Goberno debe cumprir cos acordos asinados” reitera o deputado nacionalista.
Despregamento da política de vivenda pública
No que ten a ver coa vivenda, Rego apunta que as competencias son propias das Comunidades Autónomas e “o Goberno do Estado xa pode facer actuacións que se nega a facer como a transferencia dos 3.000 inmóbeis da SAREB á Galiza para posibilitar unha política de vivenda pública, incluída a vivenda en aluguer”.