O BNG defenderá a Axenda Galega de cara á investidura

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego considera que as votacións do pasado día 17 certifican a incapacidade do PP de sumar apoios suficientes para gobernar e o fracaso de Feixoo. “Se se somete á investidura, o BNG votará en contra”

Advirte que PSOE e Sumar terán que comprometerse en firme con Galiza se quixeren ter o apoio do BNG para a investidura de Pedro Sánchez

O deputado do BNG no Congreso, que non participou nas ‘consultas’ con Felipe de Borbón, afirma que se finalmente Núñez Feixoo opta por se someter á investidura, a formación nacionalista votará en contra. No entanto, reafirma que o BNG non dará un cheque en branco a ninguén e que defenderá que o futuro Goberno español asuma a Axenda Galega para que o noso país avance en autogoberno e benestar.

“No pasado día 17 ficou constatado o fracaso de Feixoo. O Partido Popular só sumou 2 votos aos propios, en total 139, moi lonxe da maioría suficiente para gobernar”, sinala Rego. Para o deputado nacionalista, se Feixoo se empeña en ir á investidura “o que vai conseguir é que ese fracaso aínda sexa máis visíbel e evidente. En todo o caso, o BNG votaría en contra.”

Con todo, Rego insiste en que a formación galega “non dará un cheque en branco a ninguén” e que a fórmula para que o BNG vote a favor da investidura de Pedro Sánchez é que o novo Goberno asuma compromisos claros que posibiliten que avance a Axenda Galega.

“Se as forzas que aspiran a gobernar, PSOE e Sumar, quixeren contar co voto do BNG na investidura de Pedro Sánchez terán que se comprometer en firme coa Galiza e cumprir todo o que se acordar”, subliña Rego. “Sabemos que o BNG vai ser decisivo ao longo da lexislatura e iso danos a capacidade de obrigar o Goberno a actuar para que saian adiante medidas que contribúan para mellorar a calidade de vida e o benestar de todos os galegos e galegas”, salienta.

O deputado nacionalista lembra que a proposta do BNG se asenta en catro piares: maior investimento en infraestruturas e servizos, especialmente no ámbito ferroviario; políticas sociais para as maiorías; atención á crise industrial, fomento do emprego, transición xusta e políticas ambientais adecuadas, e avances no autogoberno. “Esta vai ser unha lexislatura en que a cuestión nacional estará sobre a mesa e a Galiza non pode ser un convidado de pedra neste debate. A presenza do BNG é a garantía de que o noso País non fique atrás”, enfatiza Rego.

O deputado considera que, no mínimo, a Galiza debe asumir todas as competencias pendentes, tras o escandaloso saldo do PP de Feixoo nesta materia en 14 anos: 0 transferencias. Ademais, “é urxente camiñar para un novo modelo de financiamento, que acabe co espolio fiscal do noso País; en 2022, a diferenza entre o que pagamos en impostos e o que o Estado nos devolveu foi de 5082 millóns de euros. Non é xusto, isto debe mudar”, sinala.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG