Congreso

BNG defende na Comisión de Industria do Congreso a oposición a Altri

Néstor Rego
Néstor Rego
“A posición do PP é de defender un negocio particular. O noso, o do BNG, é defender o futuro da Galiza” afirma o deputado do BNG mentres cualifica ao PP como “o relacións públicas de Altri”

O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu a necesidade de que o Goberno do Estado sexa estritamente rigoroso no cumprimento dos requisitos e criterios estabelecidos para a percepción dos fondos do PERTE da descarbonización, en relación ao proxecto presentado por Altri para a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei. Unha iniciativa, explica Rego, que pretendía o posicionamento público das forzas políticas con representación na cámara baixa xa que o proxecto “non se axusta aos criterios para a percepción destas axudas. Lamentabelmente, a iniciativa do BNG contou cos votos en contra de Partido Popular e Partido Socialista.

Do aprobado no Parlamento de Galiza en 2022, para a instalación dunha fábrica téxtil, ao proxecto actual presentado pola empresa lusa houbo modificacións substanciais. A actual previsión presentada por Altri é a construción dunha macroplanta de celulosa líquida en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Este proxecto, ademais, pretende ser financiado con fondos públicos “a través da captación de fondos europeos, de 250M€, co PERTE da descarbonización”.

A solicitude da empresa portuguesa, segundo sinala o deputado do BNG “non se axusta cos criterios para percepción destes fondos que deben ir destinados a proxectos que contribúan a economía circular e se axuste a criterios de sustentabilidade”.

Por este motivo, a organización nacionalista levou a debate e votación unha iniciativa: “queremos un posicionamento público das forzas políticas contra un proxecto moi negativo para o noso País. Queremos que o goberno sexa estritamente rigoroso no cumprimento dos requisitos e criterios estabelecidos para a percepción dos fondos do PERTE de descarbonización”.

O custo de oportunidade de instalarse a macroplanta

O deputado nacionalista destacou, durante a defensa da iniciativa, que a posíbel instalación desta fábrica, ademais de supor “unha bomba ambiental no corazón da Galiza” terá consecuencias no sector agro gandeiro, forestal e mesmo ao sector marisqueiro e conserveiro na ría de Arousa.

“O Partido Popular, cando fala sobre o proxecto, nunca computa o custo de oportunidade. Non fala dos postos de traballo que se perderían coa instalación desta macroplanta e mesmo modifican, e reducen, a cifra de postos de traballos que a planta podería asumir de maneira directa e indirecta mais sabemos que non van ser máis de 250” denuncia Néstor Rego.

Así mesmo, o deputado alerta das graves consecuencias que tería para a fauna e flora na contorna da instalación. “Tería un impacto ambiental en toda a bacía do río Ulla, na comarca da Ulloa e na Ría de Arousa, ademais de afectar ao ambiente e ao propio ar” subliña.

“Este proxecto captaría do ría Ulla 46 000 m3 de auga ao día -16 millóns ao ano- e devolvería 80% após sometela a varios procesos industriais contaminantes e de depuración industrial. Un río que desemboca na Ría de Arousa, unha das máis produtivas da Galiza” alerta Rego.

Unha posición na Galiza e outra en Madrid

O deputado lamenta a “dobre vara de medir” do Partido Socialista que, “na Galiza ten un posición contraria á implantación do proxecto formulado por Altri” e en Madrid vota do mesmo xeito que o Partido Popular, que defende abertamente a macrocelulosa.

“PP actúa como Relacións Públicas de Altri” vs BNG na defensa dos intereses da Galiza

Durante a Comisión de Industria do Congreso, o deputado do BNG evidenciou “as dúas visións diferentes do que debe ser a industrialización da Galiza”. A do Partido Popular, sinalou Rego, é a de defender os intereses dunha empresa, mesmo actuando na cámara baixa como “os seus Relacións Públicas” mentres que a do BNG é a de “defender o interese xeral”.

“A posición do PP é de defender un negocio particular. O noso, o do BNG, é defender o futuro da Galiza. Nós queremos unha industrialización racional e sustentábel, que feche ciclos produtivos e que valorice os nosos recursos, aproveitando todas as potencialidades” sentenza Rego.

Un rexeitamento social masivo ao proxecto de Altri

O deputado nacionalista tamén criticou a manipulación realizada polo Partido Popular sobre este proxecto “cando din que foi aprobada polo BNG”. “Foi grazas á exposición pública que constatamos que o proxecto de Altri non é aquel da fábrica de fibras téxtiles que se publicou no seu día e que apoiou o BNG e se non esta macrocelulosa” evidencia. Unha exposición pública, lembra Rego, que se saldou con máis de 20.000 alegacións.

“Estamos a falar dunha industria de enclave, altamente contaminante, que está a xerar un rexeitamento social masivo con mobilizacións que se están estendendo por todo o País. Haberá unha grande demostración o próximo domingo no concello en que pretende instalarse esta industria cunha manifestación en Palas de Rei” avanza.

Unha industria, sinala Rego, que “non a queren nin en Portugal” porque xa coñecen os seus efectos contaminantes e onde foi motivo de denuncias e de sancións por contaminación do río Texo. Ademais, en Portugal existe unha moratoria na plantación de eucalipto que a Xunta de Galiza “non fai efectiva” no País.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG