BNG critica os partidos estatais por non atenderen as necesidade da Galiza nos Orzamentos

play_arrow Intervención de Néstor Rego

Rego: “Só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses da Galiza. Cada vez son máis os galegos e galegas que saben que Galiza está se está o BNG”

BNG remarca a abstención crítica aos Orzamentos do Estado pola nula vontade dos partidos de Goberno de chegar a una acordo

Reclama superar a discriminación histórica da Galiza en investimentos e o déficit en materia de infraestruturas, especialmente ferroviarias

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fai a súa intervención de encerramento no debate sobre os Orzamentos do Estado para 2022 e denuncia a discriminación e o déficit histórico que arrastra Galiza por culpa dos gobernos do PP e PSOE, e que se mantén neste proxecto para 2022,  motivo principal da abstención crítica do BNG na votación orzamentaria. A formación nacionalista reivindica a súa defensa coherente dos intereses das e dos galegos e pon de manifesto a necesidade de, eleccións por medio,  constituír un grupo galego que condicione cos seus votos de maneira permanente as decisións do executivo estatal.

Rego, na súa intervención final durante a tramitación dos Orzamentos do Estado, comezou agradecendo o recoñecemento ao traballo do BNG na defensa dos intereses da Galiza que fixo o Presidente Pedro Sánchez na súa última comparecencia na que mencionou, en referencia ao portavoz nacionalista, que “todo lle parece pouco, se por vostede fose, todo o investimento iría para Galiza”, isto é, recoñecendo que só o BNG pon a mellora das condicións de vida dos galegos e galegas por riba de calquera outra cuestión.  

O deputado nacionalista destacou que “Galiza sufre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE. Isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”. De facto, non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas do País e tampouco conexión directa entre cidades como Santiago e Lugo e mantéñense liñas anacrónicas como A Coruña-Lugo ou A Coruña-Ferrol se apenas inversións, xusto no momento en que se anuncia máis unha vez a chegada, cun atraso de case 30 anos, do AVE á Galiza.

É certo que se produciu un incremento no investimento para Galiza neste proxecto, mais o BNG entende que non compensa o déficit histórico nin tampouco a baixada inxustificada que se produciu nas contas de 2021. “Tampouco serven os Orzamentos de 2022 para atallar a grave crise industrial na Galiza, nin para -como mínimo- asegurar a actividade económica existente e salvagardar o emprego” explica o deputado do BNG.

“Os traballadores e traballadoras de ALCOA e a poboación da Mariña esperaba que esta vez si, os partidos do Goberno, PSOE e Podemos mostrasen a vontade de resolver o problema a través dunha intervención pública temporal da planta. Non foi así. Tampouco, por certo, a mostrou o Partido Popular que, a pesar de que hai só 10 días  Feixóo solicitaba a Reyes Maroto a intervención pública, votou en contra da nosa emenda, nun exercicio de hipocrisía e malabarismo político que comparten todas as forzas estatais: din unha cousa na Galiza, onde sería penalizado non apoiar demandas sociais xustas, mais despois fan a contraria en Madrid” recrimina Rego.

Lamentabelmente, tampouco o goberno fixo un esforzo en profundar en políticas sociais, apoiando a suba das pensións mínimas, como propoñía o BNG, ou en camiñar cara a políticas fiscais máis xustas e redistributivas. E manteñen a negativa para reparar inxustizas evidentes derivadas dun inexplicábel agravio comparativo.

“Hoxe é 25 de novembro. Para o BNG a loita contra a violencia machista é unha prioridade absoluta. Por iso incorporamos ao acordo de investidura a creación de 3 novos xulgados de violencia de xénero, en Santiago, Ourense e Lugo” lembra Rego. Pretendemos facelo realidade nestes orzamentos, mais “faltou vontade por parte do Goberno, e como lembraba antonte, nisto, máis que as boas palabras, o realmente importante son os feitos”.

Por estas e outras razóns, o BNG non pode apoiar estes orzamentos. En todo caso, critica Rego, os partidos do Goberno nin sequera mantiveron o apoio a “aquelas poucas propostas do BNG en que aparentemente había acordo, actitude que, máis unha vez, decepcionará a moitos dos seus votantes”. “Se vostedes consideran que castigando a Galiza, castigan ou debilitan ao BNG, equivócanse de pleno” subliña o deputado do BNG, “o único que debilitan é a credibilidade dos partidos que conforman o Goberno -e a posición do Partido Popular- e as súas propias expectativas políticas e electorais diante dunha cidadanía decepcionada ao comprobar que ao que se dedican os seus deputados e deputadas é a xustificar os malos tratos a Galiza no canto de defender os intereses dos galegos e galegas”.

“Que ten que pasar para que este Goberno, que se di progresista, comece a tratar cun mínimo de xustiza a Galiza?” preguntou o deputado Néstor Rego, para concluír que é necesario un “Grupo galego que condicione cos seus votos, de forma permanente, as decisións do Goberno”. “Só é cuestión de tempo” continuo o voceiro nacionalista “porque cada vez son máis os galegos e galegas conscientes de que só o BNG garante unha defensa coherente dos intereses de Galiza. Cada vez son máis os galegos e galegas que saben que Galiza está se está o BNG”. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG