parlamento galego

O BNG critica a desprotección do persoal de ambulancias ao que non se lle fixo ningunha PCR pese a ser colectivo de risco

Montse Prado e traballadores ambulancias
Montse Prado e traballadores ambulancias
Pide a realización de probas cada 15 días, EPIs en condicións e inspeccións nas empresas concesionarias para que cumpran a normativa

A portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, denunciou a desprotección do persoal de ambulancias, -arredor de 2.000 técnicos-, ao que non se lle ten feito “nin unha soa PCR” desde o inicio da pandemia, pese a tratarse dun colectivo profesional de altisimo risco ante a COVID.

“Están en primeira liña de posibilidade de contaxio, porque no seu traballo manteñen unha relación moi estreita coas persoas doentes con contacto físico directo ao ter que abrazalos, mobilizalos, cargalos”, explicou Prado, e porque “realizan técnicas de osixenoterapia e reanimación que implican manipular a vía aérea e xerar aerosois cunha gran carga viral na cabina asistencial das ambulancias, que é de reducidas dimensións e completamente pechada durante os traslados”.

Igualmente, afondou na súa interpelación ante o conselleiro de Sanidade, “realizan un traballo que esixe esforzo físico, concentración e axilidade, unido ás longas xornadas laborais que aumentan o risco de rotura ou descolocación do material de protección, no suposto de que sexa o axeitado, que en moitas ocasións non o é”.

Ademais, “non dispoñen do material de protección axeitado” e pese a todo isto, “en nove meses de pandemia, non lle realizaron unha soa PCR, nin unha soa vez”, denunciou Prado, “a un persoal que se sente desprotexido”.

Por iso, o BNG demanda do titular de Sanidade que fixe a obrigatoriedade da realización de PCRs  cunha periodicidade non superior a 15 días, garante que dispoñan de EPIs coas características técnicas necesarias, en cantidade suficiente, da talla axeitada e coas debidas condicións hixiénicas. E que se realicen as inspeccións nas empresas para verificar o cumprimento da protección contra a COVID 19 por parte das concesionarias do Servizo de Transporte Sanitario Terrestre, tanto urxente como programado.

Prado concluíu reprochando ao conselleiro de Sanidade que a súa “preocupación” por este persoal non se traduza en medidas concretas de protección.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG