O BNG convoca este domingo en Santiago unha reunión da Executiva nacional, encabeza por Ana Pontón, nun encontro no que se abordará ao máximo nivel a situación política actual no contexto da formación do Goberno a nivel estatal.
A esta xuntanza asistirán tanto os membros da dirección política do Bloque, a Executiva Nacional da organización e unha ampla representación institucional, incluíndo os representantes do BNG nos distintos parlamentos: Néstor Rego (Congreso), Carme da Silva (Senado) ou Ana Miranda (Parlamento Europeo).
Os grandes temas do debate serán os que condicionarán o futuro de Galiza na próxima lexislatura como o financiamento autonómico e o modelo territorial, todo no contexto da formación do Goberno do Estado e tendo en conta tamén a importante cita coas urnas das eleccións galegas.
A propia Pontón xa urxiu no Pleno do Parlamento galego desta semana a necesidade de optar polo autogoberno real, “actuando con ambición e con visión de País, poñendo sobre a mesa a proposta galega de novo modelo de financiamento e dun novo status político de nación para Galiza”. A líder do Bloque formulou tamén esta semana a necesidade de varias concretas para acordar na Cámara: desbloquear a comisión parlamentaria de financiamento e reclamar todas as competencias pendentes que figuran no Estatuto.