O BNG vén de remitir un escrito a todos os grupos con representación na Cámara para convocalos de maneira urxente a unha reunión mañá co obxectivo de esgotar todas as vías de diálogo e intentar chegar a un acordo sobre o plan de traballo da comisión que investigará os contratos durante a pandemia, o sobrecusto de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro e as adxudicacións da Xunta a empresas amigas e vinculadas a altos cargos do PP.
O BNG quere con esta convocatoria “negociar ata o último minuto” para acadar un acordo sobre o plan de traballo da comisión, despois de que o PP decidise hoxe na mesa da comisión impor a súa propia proposta, sen facer ningunha concesión ao resto de grupos, segundo explicou o viceportavoz do BNG Luis Bará.
“É unha decisión unilateral que non ten precedentes na historia do Parlamento de Galiza, nin na historia do propio PP, que en situacións similares sempre deixou aberta a posibilidade de que os outros grupos fixesen propostas”, explicou Bará, que subliñou que, diante deste bloqueo, o BNG fará un novo intento de negociación antes de que se reúna a comisión de investigación, que o PP convocou de urxencia para mañá á tarde (16.30 h.) cun único punto na orde do día, o de aprobar o plan de traballo.
Bará fixo unha nova chamada aos deputados e deputadas do PP a non “impoñer da súa maioría absoluta" para intentar “boicotear” a comisión de investigación e “deturpar” o obxectivo para o que foi constituída. Lembrou, neste sentido, que a comisión foi creada a instancias do Bloque, polo que “sería un escándalo maiúsculo” que non se acepte ningunha das propostas dos nacionalistas, como as comparecencias do ex presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ou da súa irmá, Micaela Núñez Feijóo, que dirixe en Galiza Eulen, unha das empresas máis beneficiadas polos contratos da Xunta que se queren investigar.