Ante as dilixencias informativas abertas pola Fiscalía Xeral do Estado contra o Fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado para esclarecer unha falta disciplinaria grave de “abuso de autoridade”, expediente disciplinario que tamén afecta ao Fiscal Superior de Xustiza, Fernando Suances, o BNG quere expresar a súa preocupación polo que considera unha xustiza ao servizo de intereses políticos.
Para o BNG, resulta de “máxima gravidade” a existencia de indicios que sustentan á apertura das dilixencias informativas contra ambos fiscais porque poñen de manifesto “moitas dúbidas” sobre a súa actuación, así como a “independencia” do sistema xudicial.
O BNG considera que o expediente disciplinario contra Florentino Delgado e Fernando Suances, resulta un novo exemplo da “falta de separación de poderes” que se está a observar na xustiza española. Neste sentido, manifesta a insuficiencia de medidas para apartar a estas persoas da actividade xudicial, mentres non se esclarezan as súas responsabilidades.
Por outra parte, o BNG tamén considera necesario facer unha reflexión sobre o “uso espurio” da xustiza ao servizo dos intereses do Partido popular como aconteceu no caso do ex-alcalde de Ourense, Manuel Cabezas beneficiando a algúns promotores a través de cesións urbanísticas provocando continuos atrasos e demoras inxustificadas así como graves repercusións para esfera pública e política.