Galegas 2020

O BNG comprométese a formar un goberno galego “sen ataduras” que defenda os intereses de Galiza en Bruxelas

Noa Presas: “Este 12X temos que Anamirandizar a Xunta de Galiza e multiplicar a defensa incuestionable do país”

Ana Miranda: “No BNG queremos que as axudas sexan a fondo perdido para emprego e infraestruturas necesarias, sanidade e educación”

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, e a voceira do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, mantiveron un encontro na cidade de Ourense alertando da mala xestión dos fondos europeos por parte da Xunta de Galiza. As nacionalistas adiantaron que o BNG non ten ataduras e a partir do 12X liderando o executivo galego poderán facer valer Galiza e Ourense nas negociacións que están por vir: “non podemos fiar o noso futuro nas mans dos recadeiros de Casado, Sánchez ou Iglesias”.

A formación nacionalista lembrou que antes da declaración do Estado de alarma, hai tres meses, a voceira do BNG no Parlamento Europeo acudira a Ourense para falar da importancia de que se producira en Galiza un cambio político: “que lle dea a este país o peso que merece nas negociacións de ámbito europeo” indicou Ana Miranda. Así mesmo, avaliou a fracasada xestión de Núñez Feijóo na Xunta de Galiza e sinalou os moitos recursos desperdiciados e oportunidades perdidas.

Paralelamente comezou a explicar a candidata do BNG por Ourense “se iso onte era unha necesidade, hoxe é unha cuestión vital”. Nesta crise do coronavirus víronse como en moitos casos a mellor cara das persoas e moitas institucións, mais a formación nacionalista engadiu que tamén se ten exemplos do contrario. “Vimos a sombra desa Europa insolidaria, neoliberal e ao servizo de intereses de determinados países por riba do colectivo como amosou o debate respecto da posibilidade dos coronabonos” engadiron desde o BNG.

Ana Miranda e Noa Presas“Precisamos un goberno galego sen ataduras, que faga o que non fixo Feijóo nestes 11 anos, que marque posición nos grandes temas obedecendo exclusivamente ao interese de Ourense e de Galiza” afirmou Presas. Para a candidata do BNG non se pode confiar na negociación da letra pequena do noso futuro “nas mans dos recadeiros de Casado, de Sánchez ou de Iglesias. Con este motivo, o BNG preséntase como a garantía de facer valer Galiza e Ourense nas negociacións que veñen no futuro.

“Presentámonos a estas elección co aval do traballo da incansábel Ana Miranda ao longo destes anos no Parlamento Europeo, sendo a voz do intereses de Galiza” destacou Presas enumerando as reivindicacións máis destacadas que o BNG levou á cámara europea: limpeza dos ríos, a procura da verdade e xustiza para o caso Angrois, a solución das preferentes, as denuncias das emigrantes retornadas. “Este 12X queremos Anamirandizar a Xunta de Galiza e multiplicar a defensa incuestionable de Galiza no ámbito europeo que representa o BNG” apuntou Presas.

Dúas opcións: inmobilismo ou cambio galego da man do BNG

Presas adiantou que para saír adiante da crise que deixa miles de persoas no desemprego e miles de negocios coa persiana baixada “hai que reforzar o sistema público de pensións ou os dereitos sociais: precisamos un proxecto político claro e sen ataduras”. Asemade, a candidata por Ourense comprometeuse a exixir voz propia para Galiza en todas as negociacións no eido europeo para garantir que “esta nova crise non a paguen os e as de sempre”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG