congreso

BNG comprométese a defender que se facilite o labor das cooperativas e entidades sen ánimo de lucro na nova Lei de Economía Social

Cooperativa “Mulleres Colleiteiras”
Cooperativa “Mulleres Colleiteiras”

Néstor Rego pon en valor o traballo de “Mulleres Colleiteiras” durante a súa visita á cooperativa e promete introducir emendas ao texto lexislativo para asegurar a inclusión de todo tipo de entidades sen ánimo de lucro

A candidata do BNG no Concello de Oleiros, Iria Taibo, urxe repoñer o contrato de recollida do aceite usado aos concello do Consorcio das Mariña: “trátase dun servizo imprescindíbel do punto de vista ambiental e laboral”

O Bloque Nacionalista Galego comprométese a defender, na vindeira Lei de Impulso á Economía Social, a plena inclusión das entidades sen ánimo de lucro no ámbito da contratación pública e da xestión de residuos, sobre todo aquelas que, como “Mulleres Colleiteiras”, fan un importante traballo para a promoción e integración das persoas en risco de exclusión social no mundo laboral. Así mesmo, no ámbito municipal demandan a reposición, nos concellos do Consorcio das Mariñas, dos contratos de recollida de aceite usado. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a candidata número 2 no Concello de Oleiros, Iria Taibo, xunto con membros do BNG local visitaron as instalacións desta cooperativa para coñecer o seu labor.

A cooperativa “Mulleres Colleiteiras” é unha entidade sen ánimo de lucro que se ocupa da recollida, tratamento, valorización e reutilización de aceite doméstico usado. Unha entidade de interese social pois ocupa a mulleres en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, facilitando unha inclusión laboral real e adaptada á súa situación de partida. Alén do máis, a cooperativa ofrece formación para contribuír na súa autonomía laboral e conta cun programa de promoción do benestar e mellora das condicións de vida.

A frente nacionalista visitou as instalacións desta cooperativa sen ánimo de lucro, localizada no Polígono de Iñás de Oleiros, e pon en valor o seu labor do punto de vista ambiental e social: “integra mulleres de colectivos en risco de exclusión social e, polo tanto, un papel fundamental na cohesión social”. Pola contra, esta entidade atópase a día de hoxe con moita trabas -igual que outras que teñen as mesmas características- e con dificultades para acceder a espazos de actividades no ámbito da recollida e reciclaxe.

“O BNG comprométese a impulsar, especialmente na tramitación da nova Lei de Impulso de Economía Social, propostas que vaian na dirección de facilitar o acceso de todo tipo de entidades de economía social -especialmente cooperativas sen ánimo de lucro- a todo tipo de actividades” defende o deputado do BNG. Neste caso concreto sobre a recollida e reciclaxe, lembra o deputado nacionalista, que son precisas novas mudanzas na lei de residuos como na lei de contratacións das administracións públicas. “Parécenos importante que se facilite o desenvolvemento deste tipo de proxectos e actividades e a Administración Pública debe contribuír a facelo” asevera.

Pola súa parte, a candidata do BNG número 2 no Concello de Oleiros, Iria Taibo, lembra as mocións rexistradas pola frente nacionalista nos concellos do Consorcio das Mariñas solicitando que se repoña urxentemente o contrato de recollida do aceite usado. “Está caducado desde outubro do ano pasado, e demandamos que se poña en marcha canto antes, con medidas de control exhaustivas e claras. Trátase dun servizo imprescindíbel por motivos ambientais, mais tamén consideramos que é preciso apoiar proxectos como este, que defenden verdadeiramente economía social na práctica” sinala Taibo.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG