BNG fixo un chamamento no Parlamento galego para recuperar o consenso en materia de política lingüística que o PP rompeu en 2009 para abrir “un tempo novo” que asegure o futuro da lingua galega. Así o manifestou a portavoz nacionalista e Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, logo da comparecencia do secretario xeral de Política Lingüística na comisión parlamentaria de Cultura.
Queixas aludiu á recente publicación da Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO elaborada pola Real Academia Galega (RAG) e que conclúe que o 35% do alumando castelanfalante finaliza a educación secundaria obrigatoria cunha competencia “deficiente” en galego, o que evidencia o evidente “desequilibrio” en materia lingüística que hai en Galiza.
“Lean con detemento e tomen en serio esta avaliación exhaustiva, rigorosa e científica”, convidou, para a continuación subliñar que “ogallá sexa tomada como un punto de partida e non como un punto final e que a partir dela non se renuncie a nada e se tracen camiños de futuro” para mellora a política lingüística e garantir o futuro da lingua galega.
“A partir de aquí, camiñemos, recuperemos o consenso que o PP rompeu en 2009, aprendamos da historia, e abramos un tempo novo”, pediu, logo de subliñar que “o BNG sempre estará” neste camiño porque a lingua “non pode seguir sendo un tema de confrontación e para o BNG non vai ser”.
O proxecto da Xunta para este ano, sen vertebración nin novidades
Á marxe deste chamamento, a portavoz nacionalista centrou a súa intervención na comparecencia do secretario xeral de Política Lingüística, da que dixo concluír unha evidente falta de planificación nas accións presentadas por este departamento para 2021 -“accións soltas e descontextualizadas”, incidiu- e que non incorporan ningunha novidade salientable senón que representan un “chanzo máis na política lingüística do Goberno do PP”.
Neste sentido, afeou a ausencia dun plan vertebrador con accións cohesionadoras, algo que se percibe na desactivación da maioría dos obxectivos do Observatorio da Lingua Galega ou na “total confusión” da política lingüística e da política cultural no fondo de proxectos culturais do Xacobeo 2020/2021.
Nesta liña, amosou a súa sorpresa polo apoio ao castelán en distintas convocatorias literarias e reprochou unha política lingüística “sen rumbo” no ámbito educativo, no que as axudas para os equipos de dinamización da lingua galega se convocan en xaneiro, cando o curso comeza en setembro, e non cobren nin o 20% de cada proxecto presentado.
“En 2019, un total de 295 centros que presentaron actividades de normalización recibiron menos de 1 euro por cada alumno ou alumna do plan solicitado”, exemplificou, logo de reprobar que en 2020 a Xunta anulase a convocatoria de xuño para estas axudas. De igual xeito, cuestionou a renuncia á formación en materia de normalización do profesorado.
A isto, engadiu a falta de apoio aos servizos de normalización lingüística no ámbito das Administracións Locais, cun orzamento absolutamente exiguo. “Non pode ser que a Deputación da Coruña teña un orzamento para servizos de normalización moi superior ao da Xunta; resulta inexplicable”, criticou.
O director xeral de Normalización Lingüística tampouco conseguiu facilitar respostas ás interrogantes formuladas pola deputada nacionalista sobre do denominado Plan de Dinamización da Lingua no Tecido Económico, do que Queixas enumerou as súas 84 medidas, 10 ámbitos de actuación, distintos cronogramas e informes de seguimento para que, con cinco millóns de orzamento, “de todo isto, ao final, non hai absolutamente nada, como evidencia a propia web do plan ou mesmo a hemeroteca” e que confirman “a parálise absoluta deste plan fantasma”.
Fronte a esta concepción desorientada do Goberno do PP, a portavoz de Cultura e Lingua do Bloque contrapuxo a proposta nacionalista, asentada sobre un proxecto de normalización vertebrador cunha columna ben definida sobre a que estruturar e planificar as distintas medidas cohesionadoras que permitan impulsar as políticas lingüísticas.
Neste sentido, e ademais dos distintos ámbitos que foi enumerando anteriormente, Queixas propuxo un plan de normalización, “de reparación”, para a infancia, “porque non todo empeza nos 14 anos”, e medidas concretas para o neofalantismo. “Fundamental tamén para o futuro vivo do noso idioma”, concluíu.