O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, censurou no Parlamento galego o veto do PP á iniciativa do BNG para que a Xunta restitúa a praza de traballadora social do CEE Saladino Cortizo de Vigo que a Administración galega vén de recortar, iniciado xa o curso, baixo o “irrespectuoso argumento de que realizaba labores administrativas” e pese a ser “absolutamente necesaria nun centro con alumnado con necesidades especiais”.
“É politicamente inmoral que vostedes dean argumentos absolutamente estrambóticos e mesmo se teñan que retrotraer á construción do centro para dar unha xustificación a esta negativa que vostedes mesmos saben non obedece a máis nada que o criterio economicista que impera sempre no PP”, reprobou con severidade Lourenzo ante os argumentos do grupo parlamentario popular, ao que tamén afeou a súa “estratexia de confrontación con outras Administracións, levándose por diante os dereitos e as necesidades deste alumnado”, ao escudarse nas d de Xunta e concellos.
O deputado nacionalista defendeu a necesidade de manter a praza que a Consellería de Educación di “amortizar” despois da xubilación da súa titular, e pese a estar prevista na súa Relación de Postos de Traballo, porque esta figura resulta totalmente necesaria para acadar a formación integral e de calidade que precisa o alumnado do Saladino Cortizo, á hora de abarcar servizos educativos, de saúde, ocio ou de formación complementaria.
Neste sentido, recalcou que o alumnado escolarizado no centro procede de 16 concellos distintos, moitos dos cales non dispoñen de servizos de traballo social, e que o 35% das familias dos alumnos e alumnas son usuarias de servizos sociais, o que evidencia a “evidente necesidade” de contar coa figura dun ou dunha traballadora social.
“Poderán darlle as voltas léxicas que queiran e falar de amortización, pero isto é un recorte e vostedes terán que explicar por que o fan e tamén que pasa cando algún destes alumnos ou alumnas que vostedes remiten aos servizos sociais do seu concello resulta que nese concello non hai traballadora social”, cuestionou, para a continuación reprochar á Xunta que bote balóns fóra responsabilizando aos concellos e non atenda as necesidades do alumnado e das súas familias. “De verdade que vostedes supeditan as súas necesidades a un debate político para confrontar co alcalde de Vigo?”, reprobou, logo de reclamar que a atención a este problema educativo saia deste tipo de “xogos electoralistas”.
O portavoz parlamentario de Educación concluíu a súa intervención avanzando que, máis alá desta negativa do PP no Parlamento galego, o BNG acompañará á comunidade educativa do centro “nunha reivindicación que é de xustiza, que o Saladino Cortizo teña a traballadora social que precisa”.