BNG dará o pistoletazo de saída para a preparación das eleccións locais coa celebración dun cumio de cargos municipais que terá lugar a final de mes en Santiago, un encontro con alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras para mobilizar a organización de cara a esa cita coas urnas e trazar as liñas da estratexia electoral para afrontar eses comicios.
O obxectivo do BNG é avanzar en todos os concellos do País, “tendo como carta de presentación o aval dos concellos nacionalistas, referentes de políticas de benestar, de calidade de vida, de rexeneración urbana e de dinamismo económico e social. En definitiva, tendo como aval que os concellos BNG son unha marca de calidade de goberno, demostrando capacidade para transformar en positivo e dar solucións ás cuestións que afectan á cidadanía”, salientou a responsable de Política municipal da Executiva nacional, Carme da Silva.
No cumio, a formación que lidera Ana Pontón abordará a preparación da estratexia electoral tendo en conta o contexto de crise tras dous anos de pandemia e agora coa escalada de prezos, conformando unha realidade económica e social moi diferente á que existía en 2019. Neste sentido, analizará a actualización das propostas programáticas no actual contexto de crise: a carestía da vida sobre familias, clase traballadora e empresas; o impacto da pandemia nos servizos públicos ou a afectación no tecido económico local e a estratexia específica para as cidades.
“Os concellos do BNG levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador, por iso afrontamos estes comicios desde o optimismo e co reto de aumentar a representación en todos os concellos, sabendo tamén que estas eleccións son un paso decisivo para que haxa un cambio real en Galiza e abrir un tempo novo liderando o Goberno do País da man de Ana Pontón”, salientou Da Silva.
Con ese reto, o Bloque vai ir a por todas, coa man tendida e buscando espazos de intersección cos movementos sociais, culturais, veciñais, con todos os galegos e galegas que compartan a idea de que é posible construír unha Galiza con futuro, empezando nos concellos.
“Enfrontamos estes comicios como unha oportunidade para poñer en marcha un tempo novo e superar as políticas do PP que nos deixan unha Galiza máis pequena, con menos poboación, con menos xente moza, con menos industria, con menos servizos públicos, con menos benestar, con menos emprego e, en definitiva, con menos oportunidades. O avance do BNG nos concellos nas próximas eleccións municipais será o primeiro paso de cara a ese obxectivo, argumentou Carme da Silva, “porque o BNG é a referencia do cambio real, do cambio necesario para empezar a construír unha Galiza en grande”.
Este País ten grandes retos por diante que, indicou a responsable de Política municipal, hai que afrontar tamén desde as vilas e as cidades, retos como crear emprego de calidade, defender os servizos públicos, parar a sangría da emigración e do declive demográfico, apostar pola ciencia e a innovación como piar de desenvolvemento ou situar como prioridade política a igualdade real entre mulleres e homes.
E para facer realidade eses retos, “desde o BNG imos seguir traballando con rigor, con coherencia, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible”, concluíu.