BNG apremia ao Goberno a publicar no DOG as axudas para o sector pesqueiro gravemente afectado pola subida do combustible

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez recrimina á consellería de Mar que culpe exclusivamente á guerra de Ucraína do incremento dos prezos e continúe sen reaccionar ante unha crise económica no sector sen precedentes

A portavoz de Pesca do BNG , Rosana Pérez interpelou á consellería do Mar ante as dificultades económicas do sector pesqueiro pola escalada de prezos do combustible e  cominou a titular de Mar a “publicar as axudas no DOG” e abandonar a propaganda e anuncios baleiros.

A deputada do BNG insistiu en coñecer as axudas e cando entrarán en vigor porque “4.400 buques galegos están vendo perigar o seu futuro”, afirmou.

A estas alturas, explicou  a nacionalista, comprobamos que o incremento dos prezos do combustible non responde só a invasión de Ucraína e botándolle a culpa a guerra, o único que se pretende é  “agochar a ineficacia e incompetencia dos gobernos galego e español”. Para Rosa Pérez a situación do sector pesqueiro é paradigmática. Ao comezo da pandemia, en marzo de 2020  pagaba o combustible a menos de 30 cts./l e nun  ano, de de xaneiro de 2021 a xaneiro de 2022, xa o pagaba un 72% máis caro, nun momento no que   “ non había guerra” e a pesar do que estaba acontecendo,  a Xunta e o Estado  continuaba “sen  reaccionar”.

En novembro de 2021, engadiu a nacionalista,  o sector pesqueiro xa daba a voz de alarma, e saben onde estaba a Consellaría do Mar e o Goberno galego nese momento? comparecendo neste Parlamento para explicarnos os orzamentos “máis altos da historiapara o 2022”, e “fachendeándo de bater récords orzamentarios cunha  rebaixa do IRPF que era outro engano: 1 euro ao mes para a inmensa maioría dos galegos e galegas”.

Parece moito tempo, pero van alá apenas algo máis de 3 meses dende que no debate definitivo dos orzamentos, o 21 de decembro, o BNG  advertía “dunha folla de ruta orzamentaria obsoleta” e tras empeorar  a conxuntura política conxuntura coa escalada dos prezos da luz e a crise dos subministros e materiais, a resposta dos orzamentos galegos á situación “foi  inexistente”.

Hoxe, 3 meses despois da aprobación duns orzamentos que “non previron nada, que non se anticiparon” e un mes e pico despois da invasión de Ucraína, que agravou un escenario que xa era insostíbel  cunha inflación dun 6,7% a finais de ano e o gasoil pesqueiro por eriba dos 0,60%, incrementándose até o  dobre ao igual que  os materiais pesqueiros, nasas, redes, caixas … e ata a carnada, continuamos sen  ningunha medida  ou axudas despois do Consello da Xunta do 18 de marzo.  

“Resulta que  mentres Feijóo estaba de campaña, a conselleira de Mar urxía a Madrid a tomar medidas baixo  o argumento de que non podían  seguir dilatando as decisións porque a situación era extrema”. E aquí, “non só non tomaban decisións senón que dicían que as tomaban e anunciaban medidas que seguen sen poñerse en marcha” reiterou.

“É un escándalo e unha  irresponsabilidade que houbera que agardar ao 29 de marzo para que o Consello de Ministros de España tomara unhas medidas que seica non se podían tomar ata despois do Consello Europeo do 24 e o 25”. E resulta “máis escandaloso” que a Xunta teña enriba da mesa “máis peticións de despezamento de barcos que nunca e siga botando balóns fora”.

Despois do congreso do PP, “de cantar a rianxeira e  Feixóo  presidente  do PP de España”, ten pensado poñerse a traballar agora? Vai tomar decisións e poñelas en práctica, ou vai seguir laiándose e vendendo fume? Preguntou.

Por outro lado, considerou “insuficiente” destinar 68M€ para o sector sobre todo en  axudas directas cando o  combustíbel sigue subindo que  antes da suba supoñía arredor dun 35% dos custos de explotación e agora  representa case o dobre.

A rebaixa de 20 cts.l no gasoil, ou o aprazamento -que non exención do pago das cotas da Seguridade Social- “son un parche” para un sector  baixo mínimos. A activación do artigo 26 do FEMPA é unha medida acaída  en situacións extraordinarias pero “moito nos  tememos que non sexa utilizada  de maneira  inmediata”.

A parlamentaria propuxo á conselleira Rosa Quintana,  “plantarse en Madrid e Europa e esixir a paralización de todas as normativas que se están poñendo ou  pretenden poñer en marcha”. Nomeadamente, a revisión da Directiva de Tributación da Enerxía e o paquete de medidas denominado Fit-For 55 para a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro ata 2023  co  gravando os carburantes a partir dun mínimo de 3 euros por cada 100 litros. A esta circunstancia, sumou a  Acción Medioambiental da UE para 2030, que vén de ser aprobada polo Parlamento europeo para eliminar  os subsidios aos combustíbeis pesqueiros e reprochou ao PP e ao PSOE que apoiaran esta iniciativa.

A deputada volveu a reclamar a rebaixa do  IVE para os produtos do mar ao 4% como recomenda a OMS, poñer un tope ao combustíbel que non supere os 40ctm/l, compensacións económicas polos amarres da flota, exención temporal das cotas á Seguridade Social e das taxas portuarias e  “non un aprazamento como fixeron vostedes na pandemia e que logo acabaron cargando todas xuntas sobre as  maltreitas economías dos profesionais do sector”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG