BNG aposta por uns orzamentos expansivos que reforcen os servizos públicos e apoien á economía real para xerar emprego

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “en plena crise, o mellor teito de gasto é o que non existe”

Anticipa que a posición do Bloque nos orzamentos do Estado será evitar ningún tipo de discriminación con Galiza e pide ao Goberno galego que convoque Pleno extraordinario canto antes

O teito de gasto que hoxe aproba o Consello de Ministrxs vai condicionar tanto a elaboración das contas públicas estatais como as de Galiza de 2021, aínda baixo os efectos da pandemia, tanto desde o punto de vista sanitario coa quinta onda, como desde o punto de vista económico, en plena crise. Neste sentido, o BNG defende unhas contas públicas expansivas, que reforcen os servizos públicos e apoien á recuperación da economía e do emprego.

“No actual momento de crise, o mellor teito de gasto é o que non existe porque o obxectivo é reactivar a economía, xerar emprego, rescatar os sectores máis impactados pola pandemia e reforzar os servizos públicos”, sintetizou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, avanzando que o Bloque defende “uns orzamentos expansivos,  libres de teito de gasto” e con tres prioridades.

En primeiro lugar,  “reforzar os servizos públicos, como a sanidade, a educación e un novo modelo de residencias para as persoas maiores”, en relación ás urxencias que a pandemia puxo sobre a mesa.

En segundo lugar, prioritario tamén, “que serva de apoio aos sectores produtivos para xerar emprego” de tal xeito que os fondos Next Generation que se incorporen ás contas públicas estatais, -arredor de 20.000 millóns de euros-, sirvan para activar a economía real.  “Non poden converterse nun rescate do IBEX 35 e, desde logo, Galiza debe recibir até o último euro que lle corresponda e sen estar condicionados a ningún tipo de recorte social”.

E como terceira prioridade, que os orzamentos sirvan para sentar as bases para unha Galiza verde, dando paso a un novo modelo económico baseado na ciencia e na investigación.

En relación aos orzamentos do Estado, avanzou Presas, “a posición do BNG é moi fácil de anticipar: imos poñer por diante os intereses dos galegos e das galegas, traballar para que non se repita ningún tipo de discriminación ou agravio con Galiza, nin imos permitir novos recortes nos investimentos. Esperamos que nesta ocasión o Goberno de PSOE-Podemos non repita a mesma discriminación con Galiza que practicaba o PP”.

O BNG insta ao Goberno de Feixóo a que convoque canto antes o pleno extraordinario para abordar esta cuestión e establecer as liñas dos orzamentos 2022.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG