BNG anuncia unha batería de iniciativas para apoiar as persoas autónomas en dixitalización, formación e relevo xeracional

Reunión con UPTA
Reunión con UPTA
Ramón Fernández avoga por deseñar unha estratexia de País para axudar a un sector que, malia representar o 19 % das afiliacións, está a perder peso

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao deputado Ramón Fernández e á deputada Carmela González  reuníronse esta mañá co presidente da Unión Profesional de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, co que analizaron a situación deste sector, que en Galiza abrangue a máis de 200.000 persoas.

Tras a reunión, que tivo lugar no Pazo do Hórreo, Ramón Fernández anunciou que o BNG recollerá “o guante” dos autónomos e presentará, de cara á tramitación parlamentaria dos próximos Orzamentos da Xunta, unha batería de iniciativas para apoiar a este sector, fundamentalmente nos ámbitos da dixitalización, a formación e o relevo xeracional, tres das cuestións que máis preocupan ao colectivo.

O BNG comprometeuse ademais a estudiar as propostas feitas pola asociación de autónomxs no que ten que ver coa fiscalidade e a xubilación. “Temos que ter unha estratexia de País para un colectivo tan importante, ao que hai que apoiar para reverter a crise que atravesa, sobre todo no ámbito do comercio e no rural”, asegurou o deputado, subliñando a “complexa e multifactorial problemática” que afecta ás persoas autónomas.

Ramón Fernández, portavoz de Emprego e Comercio no BNG, salientou o peso que ten na economía galega o traballo dos autónomos e as autónomas, que no País representan o 19 % das afiliacións á Seguridade Social, mentres que no Estado son o 16 %. Malia iso, advertiu que este colectivo rexistrou nos últimos anos “tendencia á baixa” no País, mentres que se incrementou no Estado.

O deputado nacionalista referiuse especificamente aos problemas que está a atravesar o pequeno comercio, un sector que, segundo apuntou, pasou de representar o 6,46 % do valor engadido bruto de todas as ramas de actividade na Galiza ao 5,17 no 2021. “Unha caída brutal de case 1,3 puntos á que hai que sumar a perda de miles de postos de traballo, a gran maioría por conta propia, e o pecho de miles de locais comerciais”, engadiu.

Ramón Fernández explicou, por outra banda, que se ben existen numerosas convocatorias de axuda ás persoas autónomas tanto a nivel galego como estatal, “todo parece indicar que o se impacto, que a súa eficacia no noso País, está sendo moi limitada”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG