O candidato do BNG, Xosé Luís Rivas e a candidata nº 3 por A Coruña, Mercedes Queixas amosaron hoxe o seu apoio e o do BNG, ao historiador Carlos Babío demandado novamente pola familia Franco por afirmar nun medio de comunicación que nunha ditadura hai “abusos e corrupción” como o aconteceu co roubo do Pazo de Meirás pola familia do ditador.
Vinganza mesquiña da Familia Franco
O candidato do BNG por A Coruña, Xosé Luís Rivas tildou a denuncia de “vinganza mesquiña” da familia Franco contra un investigador que leva anos loitando pola recuperación da memoria histórica. A familia Franco, afirmou, é “herdeira dun ditador asasino” e que o Réxime do 78 amparou. Para o nacionalista, Carlos Babío representa a esperanza e a reivindicación dun “pobo en silencio” aportando documentos e probas.
“O Pazo de Meirás foi roubado, foi un botín de guerra e un regalo ao ditador”, afirmou Rivas.
Na mesma liña que Rivas, a candidata nº 3, Mercedes Queixas asegurou que a demanda resulta “improcedente e abusiva nun estado democrático”. A nova demanda da Familia Franco contra Carlos Babío, dixo, abre un procedemento xudicial “sen razón”. Babío é un investigador galego que ao longo dos anos leva demostrada unha grande rigorosidade no seu traballo como constata a súa obra vinculada a Sada, a súa contorna e tamén a toda Galiza.
A candidata do BNG destacou que a obra de Babío describe un tempo negro que debe deixar traspasar a luz para reparar ás vítimas da ditadura. A día de hoxe, as vítimas aínda teñen que demostrar que son vítimas, “algo inxustificable” e agora é Carlos Babío o que ten que desprazarse a Madrid para xustificar o seu traballo porque o “manto da democracia continua acubillando medo, persecución e persecución ”. Esta demanda é unha mostra da vulnerabilidade de calquera de nós que traballemos pola xustiza, a verdade e a reparación da memoria histórica diante dos que sempre se consideraron con poder.
Nova demanda a un loitador pola memoria histórica
Pola súa parte, Carlos Babío, explicou que non é a primeira vez que recibe unha demanda da familia do ditador pola súa actividade a prol da reparación, recuperación da memoria histórica e loita pola devolución do Pazo de Meirás. Nesta ocasión, dixo a demanda está relacionada coa miña participación no programa “Punto de Mira” de Mediaset. En vinte días, engadiu, debo responder á demanda para posteriormente ser xulgado por delitos, segundo a familia Franco, “por derechos al honor, a la intimidad personal y a la propia imagen”, aludindo ao honor de Francisco Franco e, introducir a idea de que o “pazo foi roubado” para deshonrar aos demandantes.
Babío lembrou que nas súas declaracións sempre se referiu a sucesos históricos ocorridos durante o ano 1938, “os abusos cometidos por un réxime e a persoa que o encarnaba”, por outra parte, tamén aluden que nos programas de televisión utilizou termos de “apropiación do Pazo de Meirás” e o pagamento de fondos públicos na operación entre o ano 1938 e 1941, proceso no que o Pazo pasa a ser propiedade de Francisco Franco Bahamonde.
Babío afirmou que o ditador tomou terras colindantes a través de abusos e privando do seu medio de vida de 60 persoas arrendadas nesas terras. Por dicir este tipo de cousas, dixo o demandado, a familia Franco asegura que atentou contra “os seus dereitos fundamentais”. Por outra parte os Franco engaden que as afirmacións de Babío poñen en risco a venda do Pazo por transmitir que existen problemas co título de propiedade.
O autor do libro, “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio ” avanzou que continuará defendendo a memoria e dignidade colectiva e reclamando a devolución dos bens espoliados durante o franquismo.
Os traballos da Deputación da Coruña, da Real Academia galega, Asociación pola recuperación da memoria histórica e entidades de todo tipo ao que sumou a comisión de expertos emanada do Parlamento galego confirman “a unanimidade para que o Estado asuma a devolución do Pazo de Meirás”, concluíu.