A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, reclamou á Xunta no Parlamento galego que planifique a súa política de contratación na sanidade pública “para evitar que o verán que está ás portas volva ser un caos”. “Se non se rectifica, se non se toman medidas, a situación que o propio presidente da Xunta recoñeceu como de ‘grave colapso’, pode converterse nun drama tanto para as e os profesionais como para a poboación”, advertiu.
Prado recalcou que os 13 anos de Gobernos do PP con Núñez Feixóo á fronte supuxeron retrocesos en todos os parámetros da sanidade pública, pero especialmente nas condicións laborais, na perda de dereitos e na precarización do persoal sanitario, “sometido a un sobreesforzo permanente que se agravou cos dous anos de pandemia”.
Así pois, e logo de insistir en que a situación na que se atopa o sistema sanitario galego non é froito dunha situación excepcional, senón “consecuencia destes recortes”, Prado defendeu en comisión parlamentaria unha proposición non de lei para solicitar ao Sergas un informe sobre a situación laboral das e dos seus traballadores (incluíndo índices de temporalidade, duración media dos contratos, número de contratos por profesional, prazas vacantes e previsión de xubilacións, entre outros), así como para reclamarlle que remate coa que cualificou de “rastreira” política de persoal, na que os contratos por días e por horas seguen sendo habituais e que considerou urxente rectificar para “evitar que as e os profesionais sigan marchando cara á privada ou ao estranxeiro”.
Neste sentido, a deputada do Bloque enumerou distintos exemplos de contratos en enfermería, con casos de profesionais que acumulan ata 34 contratos en dous meses, 53 en tres meses ou 30 contratos en 50 días, cunha ampla maioría deles de só un día de duración. “De verdade se estrañan de que non teñan profesionais que queiran traballar nestas condicións?”, cuestionou con severidade, para a continuación cifrar o grao de eventualidade no 30% e en arredor do 40% o persoal que leva nesta situación máis de 10 anos.
De igual xeito apuntou que, coas condicións laborais que ofrece o Executivo do PP, tampouco era de estrañar que dos arredor de 400 médicos de familia que remataron o MIR de Familia e Comunitaria nos últimos cinco anos, só a metade están traballando en Atención Primaria e o que considerou más grave, “cada ano a porcentaxe baixa”.
Por iso, con esta proposición non de lei -que tamén inclúe a proposta de que o Sergas realice os contratos pola causalidade que os orixina e por todo o tempo da mesma-, instou ao Goberno galego a “pasar da propaganda a medidas reais contra a precariedade e a temporalidade na sanidade pública, que posibiliten contar con persoal suficiente e ofrecer unhas condicións laborais dignas que garantan unha atención sanitaria de calidade”. A iniciativa non prosperou polo veto do PP.