A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia a actitude partidista da Xunta e da Fundación Galicia Europa ao non contar cos eurodeputados e a eurodeputada dos tres partidos con representación na Eurocámara no debate sobre as políticas das rexións na Unión Europea, onde interveu o conselleiro de Facenda e Administración Pública e só se convocou ao eurodeputado popular.
“Como eurodeputada galega do Bloque, e a única eurodeputada que forma parte da Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo, lamento moito que a Xunta realice unha axenda de traballo en Bruxelas e non teña en conta a nosa voz”, critica Ana Miranda, quen salienta que precisamente como eurodeputada galega nesta comisión de Política Rexional, a súa voz “é a única que está na comisión que vai decidir sobre os fondos europeos nos vindeiros anos”.
Uso caciquil dos recursos
O BNG tamén critica o uso partidista das redes sociais da propia Fundación Galicia Europa e da Xunta de Galiza, nas que o conselleiro aparece reunido con membros da Comisión, nunha palestra en representación de Galiza e outras Comunidades Autónomas nun foro celebrado no Parlamento Europeo. Ademais, aparece unha fotografía co eurodeputado do Partido Popular, Francisco Millán Mon, que non é membro do Comité de Política Rexional (tema da nota de prensa da Xunta de Galiza e da Fundación Galicia Europa), nin do Comité das Rexións (Comité onde Galiza está representada a través da Xunta de Galiza).
De feito, a única eurodeputada galega presente na Comisión de Política Rexional é a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. “Lamentamos desde o BNG que desde a páxina web da Xunta se transmita unha fotografía cun eurodeputado do Partido Popular sen gardar o mínimo decoro de gardar a pluralidade e a existencia de tres partidos con representación no Parlamento Europeo”, sinala a eurodeputada nacionalista.
“Ou fas unha fotografía con todos os eurodeputados e a eurodeputada, ou fas unha fotografía sen eles. Pero non se pode facer un uso partidista por parte do goberno e a Fundación Galicia Europa”, manifesta Ana Miranda, quen denuncia que a Xunta de Galiza, emprega unha vez máis as administración e recursos galegos para actos caciquís.