O BNG acusou á Xunta no Parlamento galego de extraer “conclusións fraudulentas” dos resultados da fase inicial da pilotaxe do protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) en Atención Primaria para “xustificar a súa folla de ruta e non afrontar os gravísimos problemas de fondo da Atención Primaria”.
Así llo dixo a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, á directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria durante a súa comparecencia para dar conta dos primeiros resultados do XIDE, plan que cualificou dunha “medida botafumeiro” máis coa que, ademais, a Xunta pretende desviar a accesibilidade e priorizar a demanda, o que significa que “non hai recursos para atendela”.
Neste sentido, Prado recriminou ao Goberno galego que conclúa fraudulentamente desta fase inicial do protocolo que unha parte importante do traballo realizado polas e polos médicos e médicas de familia sexa considerado como “acto burocrático” susceptible de ser realizado por outrxs profesionais, como é o caso da recepción de resultados de analíticas e outras probas diagnósticas, a renovación de Incapacidades Laborais Temporais (ILT) ou a de tratamentos farmacolóxicos.
Logo de negar esta cualificación a actuacións médicas absolutamente necesarias para a correcta atención das e dos doentes -“a xente non fai analíticas ou outras probas diagnósticas para autoconsumo”, censurou-, a deputada nacionalista criticou á Xunta que catalogue así esta parte do traballo facultativo co obxectivo de “poder derivalo ás e aos técnicos de saúde, esa nova categoría profesional que se sacaron da manga, teoricamente para cuestións efectivamente burocráticas”. “E unha estafa para a poboación e é un demérito para as e os profesionais”, afirmou con rotundidade.
Para Prado, a prioridade non son agora cuestións colaterais e tecnolóxicas como o XIVE -“o problema non é que a xente non saiba a que profesional acudir, o problema é que non ten profesionais aos que acudir”, reprochou-, senón ofrecer solucións aos gravísimos problemas estruturais que padece a Atención Primaria e que pasan fundamentalmente pola dotación de recursos humanos.
Fronte a unha medida coa que o PP “volve tentar facer que fai” e coa que “xa non é que se empece a casa polo tellado, senón polo fume da cheminea”, a portavoz nacionalista de Sanidade pronunciouse con rotundidade: “se vostedes quixeran ir ao fondo do problema da Atención Primaria incrementarían o orzamento, facilitarían estabilidade laboral e condicións dignas ás e aos profesionais que marchan fóra ou á sanidade privada, porían en marcha equipos multidisciplinares, activarían a carteira de servizos das distintas categorías profesionais como as de psicoloxía ou fisioterapia e farían efectivas as conclusións do Consello Técnico de Saúde, integrado por 15 de grupos de traballo e máis de 200 profesionais que levan desenvolvido un rigoroso traballo dende a súa constitución hai dous anos”. “Estas medidas botafumeiro son como caramelos cando a xente pasa fame”, concluíu.