O deputado, Luís Bará defendeu unha Proposición non de lei ao fin de acadar a reorganización dos horarios da liña A Coruña-Lugo e Ourense-A Coruña así como unha “ampliación e flexibilización dos abonos”.
Bará insistiu na urxencia de reorganizar os horarios de ida e volta para facilitar a conciliación cos horarios laborais e familiares ao que sumou a flexibilidade dos abonos.
A proposición non de lei aprobada hoxe, na Comisión de Ordenación do Territorio, celebrada no Parlamento galego inclúe: o adianto de hora de saída do tren que actualmente sae ás 6:40hs de Vigo e chega a Coruña ás 8:13hs e o retraso da saída do que sae de Coruña ás 15hs horas; reposición da frecuencia diaria Coruña-Vigo con saída ás 18 hs e un estudo da modificación dos horarios de saída a primeira hora da mañá de Coruña e pola tarde de Vigo.
O acordo tamén conleva adoptar as medidas necesarias para garantir a puntualidade e seguridade do servizo e a ampliación e flexibilización dos abonos, tanto nas modalidades de abonos como no prazo de vixencia, coa posibilidade da súa utilización en calquera das frecuencias existentes.
O deputado do BNG celebrou o apoio á proposta nacionalista no relativo a unha política tarifaria que inclúa descontos por motivos económicos, sociais, de idade e familiares, e que remate coa discriminación que sofren as persoas usuarias da liña Ourense-A Coruña.
Na defensa da iniciativa, Bará salientou as “grandes vantaxes do transporte ferroviario” e a súa incidencia na transformación enerxética e considerou que “en materia de mobilidade sostible debería ser unha prioridade para calquera goberno”.
O parlamentario reclamou máis investimento público na rede ferroviaria galega e mesmo utilizar os Fondos Nex Gereration para mellorar as infraestruturas ferroviarias de vías de vehículos afectadas por grandes carencias no territorio galego.
Neste sentido, aludiu ás liñas entre Coruña e Ferrol ou Lugo que precisan mellorar os servizos e sobre todo, “dotalas do persoal necesario”.
No actual contexto de escalada de prezos, explicou o deputado, a proposta aprobada hoxe, “significa un paso adiante para todos os fogares, traballadores e estudantes que utilizan o transporte ferroviario todos os días”.
Por outra parte, o nacionalista tamén aludiu á supresión de liñas por mor da COVID , que aínda non foron recuperadas e a posta en marcha do AVE en Ourense, o pasado 21 de decembro que obrigou a unha reestruturación dos horarios causando graves prexuízos para as persoas usuarias que utilizan estes servizos sobre todo en hora punta. Ese cambio, recalcou, deu lugar a grandes protestas de colectivos como “Perder o Tren” ou “ Tren Media distancia Galicia” con mobilizacións durante os últimos meses. O BNG, afirmou, “recolleu todas estas demandas” para darlles voz no Parlamento”.
O nacionalista agradeceu o apoio do resto dos grupos parlamentario a estas demandas que afectan a 2 millóns de persoas usuarias ao ano da liña Vigo-A Coruña e un millón na liña Coruña-Santiago-Ourense. “Esta demanda de usuarios e usuarias xustifican as medidas que hoxe reclamamos”.
“Non podemos centrar toda a nosa atención na conexión con Madrid e deixar de lado os problemas do tren de media distancia”. O acordo acadado hoxe facilitará as conexións e a revisión tarifaria para incentivar o seu uso a través de bonificacións por motivos laborais, familiares ou de estudos, medidas que xa existen noutras comunidades, concluíu.