A deputada do BNG, Noa Presas defendeu unha proposición non de lei aprobada por unanimidade na Comisión de Industria, acordo polo que o Parlamento instará á Xunta de Galiza “a levar a cabo todas as actuacións posíbeis para o mantemento do emprego e do proceso produtivo de Poligal en Narón, así como do mantemento e impulso da actividade industrial nesta comarca, a comezar por unha Mesa de Traballo na que se integren ás partes e axentes implicados comprometendo axilidade e periodicidade nas súas reunións”.
Na defensa da proposta, a deputada nacionalista criticou que a Xunta xa se comprometera a formalizar a Mesa hai máis de 15 días coa previsión de reunirse o vindeiro venres, xusto un mes despois, dixo, do anuncio da presentación de concurso de acredores e posible peche da planta de Poligal en Narón, situada no Polígono das Gándaras.
A deputada afirmou que no último ano, mentres no conxunto da economía galega se incrementa a ocupación en 32.300 persoas, “a industria galega evoluciona en sentido contrario e sufre un forte retroceso de 3.500 ocupados menos”. Neste contexto, recalcou, o retroceso representa unha mala nova para unha comarca castigada polo impacto doutros peches e ERES, así como para o sector madeireiro e mobiliario decorativo ao que sumou a incertidume das empresas : Isowat, Alcoa, Ferroatlántica en Sabón, de gran relevancia económica para a Coruña e a súa comarca.
Poligal, explicou Presas, é un dos principais fabricantes europeos de film de polipropileno. Unha empresa estratéxica na fabricación de envases e de valor engadido nun momento de transición a un futuro que ten que apostar por materiais máis sostibles.
Por outra parte, mentres a “dirección da empresa destinaba cantidades millonarias ás plantas de Polonia e de Portugal”, a planta galega non recibía ningún investimento, estamos polo tanto, dixo, ante un “claro exemplo de deslocalización” para trasladar a produción e o coñecemento de Narón a outras latitudes, a pesar de ser unha empresa con beneficios e carga de traballo comprometida no momento do anuncio de concurso de acredores.
Compartimos cos traballadores e traballadoras que “o concurso de Poligal é fraudulento” e lamentamos a lentitude da Xunta que só reacciona ante a presión sindical e política”. Estamos “en tempo de desconto” advertiu a nacionalista, polo que pediu á Xunta que axilice a Mesa para iniciar, o antes posible , as accións necesarias para garantir os postos de traballo e a actividade industrial da comarca.