O BNG acada un acordo para demandar a recuperación do Pazo de Meirás e anular os títulos da familia Franco

Luís Bará
Luís Bará

O texto do BNG, transaccionado co Partido popular, inclúe o rexeitamento do Parlamento galego do uso do Pazo de Meirás para facer apoloxía da ditadura franquista e do ditador

A proposición non de lei do BNG, defendida polo deputado, Luís Bará para demandar accións legais destinadas a recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público galego, rexeitar o uso do Pazo para facer apoloxía do franquismo e anular os títulos nobiliarios da Familia Franco, acadou un acordo unánime no Parlamento galego, tras unha transacción do texto co Partido popular.

Texto do acordo: “O   PARLAMENTO DE GALICIA, DIANTE DA FALTA DE RESPOSTA DO GOBERNO CENTRAL CON RESPECTO AO ACORDO UNÁNIME (do Parlamento galego) do 12 DE XULLO DE 2018, ACORDA COMO RESOLUCIÓN REITERAR A DEMANDA AO GOBERNO CENTRAL PARA QUE INICIE DE MANEIRA URXENTE AS ACCIÓNS LEGAIS PERTINENTES PARA RECUPERAR O PAZO DE MEIRÁS PARA O PATRIMONIO PÚBLICO.

ASEMADE, AMOSA O REXEITAMENTO POLO USO DESTE BIC PARA FACER APOLOXÍA DA DITADURA FRANQUISTA E DO DITADOR, E DEMANDA QUE SE LEVEN A CABO AS ACCIÓNS PRECISAS PARA DEIXAR SEN EFECTO OS TÍTULOS NOBILIARIOS DO SEÑORÍO DE MEIRÁS E DUCADO DE FRANCO”.

O Parlamento insta á Xunta a dar traslado  deste acordo ao goberno do Estado.

Na defensa da iniciativa, o parlamentario do BNG defendeu anular os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e Ducado de Franco e reclamou que o Goberno do Estado non centre unicamente os seus esforzos na exhumación dos restos do ditador do Val dos Caídos, iniciando accións para recuperar a memoria de moitas vítimas da ditadura e para ser leais con esa memoria, dixo, “hai que acabar coa pervivencia do franquismo e cos tribunais de xustiza  que ditan leis que favorecen  aos intereses da familia Franco”.

Bará avogou por converter o Pazo de Meirás nun lugar de “ exaltación, dignidade colectiva  e honra   á memoria de  todas as vítimas”.

Durante a defensa da iniciativa, o nacionalista trasladou  o seu apoio ao historiador Carlos Babío denunciado pola familia Franco pola súa investigación sobre a “fraudulenta adquisición do Pazo de Meirás” e  acusou á Casa Real de complicidade coa familia do ditador a través dunha fotografía tomada no propio Pazo de Meirás que o nacionalista mostrou dende a tribuna.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG