A proposición non de lei defendida polo deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará acadou o apoio unánime da comisión de Ordenación do Territorio e Obras públicas celebrada hoxe no Parlamento galego para abrir as pasarelas de evacuación dos carrís externos da ponte de Rande, tras dez meses ocupados por maquinaria pesada.
O parlamentario saudou un acordo que permitirá a evacuación das persoas e vehículos atrapados nos carrís laterais no caso de producirse un accidente e reclamou que o Ministerio de Fomento “inste á empresa concesionaria da AP-9 a continuar cos traballos de conservación e mantemento da ponte pero sen ocupar as vías de evacuación”.
Bará explicou que o BNG trasladou ao Parlamento galego as demandas das persoas usuarias afectadas pola falta de seguridade dos carrís laterais ás que sumou ás das alcaldías do Morrazo que tamén esixiron a apertura das pasarelas de evacuación.
Para o deputado, abrir as vías é necesario é lóxico e anunciou que o BNG agarda que, tras este acordo unánime sexan tomadas as medidas precisas para a continuación das obras sen ocupar as pasarelas con maquinaria pesada.
Por outra banda, o nacionalista avanzou que o BNG participará na manifestación do vindeiro sábado, 6 de Outubro, organizada pola veciñanza de Chapela e Teis en defensa do cumprimento dos compromisos do Ministerio de Fomento sobre as obras de mellora de viais en Chapela, instalación de pantallas contra o ruído, urbanización de acceso a Vigo dende a AP-9 e eliminación da peaxe entre Rande e Vigo.
Texto do BNG aprobado por unanimidade: “O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza a demandar ao goberno do Estado a inmediata apertura e posta en funcionamento das pasarelas de evacuación dos carrís exteriores da Ponte de Rande.”