O BNG “volverá á carga” no próximo período de sesións para reclamar unha vez máis a fin da “aldraxe” e o “sablazo” que supoñen para Galiza as peaxes da AP-9, que a partir deste xoves 17 de agosto “debería ser gratuíta se non se aprobase a prórroga ilegal da concesión ata o ano 2048”, denunciou o deputado Luís Bará.
“A partir do día 17 cada vez que pasemos pola peaxe deberíamos lembrar que é ao PP de Aznar, Feijóo e Rueda a quen lle debemos ter que pagar durante 25 anos máis polas peaxes”, asegurou, lembrando que foi o Goberno do Partido Popular quen aprobou no ano 2000 a prórroga da concesión. “Os galegos teremos que pagar cada ano arredor de 200 millóns pola prórroga, que vai supoñer máis de 6.000 millóns de euros de aquí a 2048”, engadiu o deputado nacionalista, insistindo en que “o PP é o máximo responsable desta estafa e desta aldraxe”.
Bará cualificou de “obscenos” os beneficios da concesionaria Audasa no primeiro trimestre do ano, 36 millóns de euros, case un 70 % máis que no mesmo período do ano pasado. “Estamos a falar duns ingresos brutos de practicamente 90 millóns de euros que nos levan a pensar que os ingresos totais a final de ano van superar os 200 millóns e os beneficios estarán preto dos 80 millóns”. “Son datos absolutamente escandalosos e ofensivos, que demostran que a AP-9 é un auténtico filón para a concesionaria e unha auténtica ruína para Galiza”, denunciou Bará.
O BNG volverá presentar iniciativas tanto no Parlamento Galego como nas Cortes para conseguir o dobre obxectivo de conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes. Bará lembrou que a transferencia da autoestrada a Galiza xa foi demandada ata en tres ocasións a través dunha proposición de lei iniciativa do BNG, “sistemáticamente boicoteada polas forzas centralistas”. “O que fixeron PP e PSOE foi poñer paos nas rodas para que a proposta fracasase e quedase na ribeira antes de que chegase a bo porto. Votan a favor aquí e vetan en Madrid”, censurou.
A transferencia, para a que o BNG ten rexistrado xa unha nova iniciativa que espera poder levar ás Cortes neste novo período de sesións, é un obxectivo “simbólico e político de primeira orde”, pero non abonda, considerou Bará. De aí que o Bloque reclame de novo a anulación da prórroga concedida “irregularmente” polo Goberno de Aznar.
Entre as razóns que xustifican a anulación está o feito de que hai outras autoestradas no Estado da mesma antigüedade que a AP-9 que hoxe xa son gratuítas. “Practicamente toda a franxa mediterránea que vai desde a fronteira francesa ata Alacante é gratis pola AP-7, que é unha das principais autoestradas que hai no Estado. Nos últimos anos tamén se aprobou a gratuidade da autoestrada que comunica Sevilla con Cádiz, a AP-4, a AP-1 entre Burgos e Vitoria ou a A-2 entre Zaragoza e o Mediterráneo”, enumerou o nacionalista para debullar “a imaxe da discriminación que sofre o noso país e de como se priman os eixes de comunicación no Mediterráneo e se discrimina sistematicamente a Galiza”.
Bará subliñou ademais o aval que supón para as reivindicacións do BNG o expediente da Comisión Europea que alerta da irregularidade da concesión feita no 2000 porque non se seguiron os trámites previstos na normativa europea de contratación e concesións públicas. Existe así mesmo unha sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que anula a concesión dunha autoestrada en Italia feita en condicións similares á da AP-9.
En todo caso, o Bloque vai reclamar no Parlamento galego que se realice un estudo independente sobre a viabilidade da anulación da prórroga e tamén sobre os custes que tería rescatar a concesión, “que son menores aos pagos que terá que facer o Estado ata o ano 2048”, anticipou Bará.
Presións aos funcionarios de inspección
Por outra banda, o deputado do BNG esixiu ao Goberno do PP que “atalle dunha vez por todas” a campaña de presión aos inspectores de Servizos Socias logo de ter denunciado publicamente a filtración ás residencias de persoas maiores das datas nas que ían ser visitadas pola Inspección. “A Consellería ten que parar esta campaña de presión, investigar e depurar responsabilidades para garantir que as inspeccións se fagan con garantías e sen filtracións”, apuntou Bará, facéndose eco así das denuncias feitas pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais ante as “chamadas” recibidas logo das súas denuncias.
“A Consellería non pode actuar como a Gestapo presionando e amedrentando aos funcionarios públicos”, afirmou, lembrando que o Bloque xa presentou no Parlamento iniciativas para que a Xunta investigue e depure responsabilidades sobre as filtracións a empresas propietarias dos centros de persoas maiores.