A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse até o concello de Cervo na Mariña para manter un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables políticos do BNG na comarca para analizar a situación da ALCOA , instando a unha mobilización social e institucional para evitar o peche da factoría de San Cibrao.
“Cando está en xogo o futuro dunha comarca e centos de postos de traballo no país, non valen nin vacilacións, nin medias tintas, nin botar balóns fora, nin liortas partidistas, o que se necesita é unha solución inmediata que pasa pola intervención pública e pola nacionalización de ALCOA. Basta de escusas, a xente está farta de tanta retórica partidista”, salientou a líder do Bloque.
Pontón criticou que nin o Executivo central nin o galego aporten solucións, que o BNG si pon encima da mesa. “Desde aquí quero trasladar un compromiso claro: se o 12X os galegos e as galegas nos dan a responsabilidade de Goberno o primeiro reto no que traballaremos é a nacionalización desta factoría é posible por parte do Estado e da Xunta. Se Angela Merkel pode intervir Lutfhansa en Alemaña porque non ALCOA en Galiza?”, argumentou Pontón.
O goberno que aspira a liderar, recalcou, “é a garantía de que ese reto será unha prioridade de traballo” e, igualmente, de que se vai poñer punto final ao espolio enerxético do país e acabar co disparate de que unha Galiza que exporta electricidade teña centos de empregos en risco polo custe da factura enerxética. “Poñeremos en marcha unha tarifa eléctrica galega para ALCOA e para o resto das industrias electrointensivas”, subliñou.
A líder nacionalista lamentou a inacción do presidente da Xunta mesmo ante o peche anunciado dunha empresa que aporta o 30% do PIB da provincia de Lugo. “Onte ALCOA anunciaba o despedimento de 534 traballadores e traballadoras, que afecta tamén a 350 empregos nas auxiliares, é cal foi a resposta de Feixóo? Poñer un tuit en twitter. Nin unha proposta, nin unha alternativa así non se solucionan os problemas do país por parte dun candidato popular que en dez anos na Xunta só fixo dúas aportacións: aplaudir un marco enerxético aprobado polo PP desde o Goberno do Estado ruinoso para Galiza, e vetar sistematicamente a tarifa eléctrica galega proposta polo BNG”.
En todo caso, reiterou, o que hoxe reclama toda a veciñanza da comarca da Mariña é unha solución con futuro “porque teñen o corazón nun puño”, por iso desde o BNG reclamamos ao Goberno do Estado e da Xunta “que se deixen de botar balóns fora, que se poñan na pel da xente e que aposten pola única solución posible: a institucionalización, porque a alternativa é clara, ou nacionalización de ALCOA ou peche, e o compromiso do Bloque pasa por darlle futuro a esta comarca”, concluíu.
Olalla Rodil, cabeza de lista por Lugo, amosou o apoio da formación nacionalista aos traballadores e traballadoras da factoría e comprometeu o apoio do Bloque “para dar a batalla en todas as frontes institucionais e tamén man a man co comité de empresa, porque non imos permitir que A Mariña caia”. Neste sentido, pediu a veciñanza “que se poñan en pé para defender o futuro dos seus fillos e da súas fillas, hai que dar a batalla que será dura”.
Pola súa parte, desde a representación nacionalista na Mariña a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, denunciou a perda de tecido industrial na zona cunha destrución de emprego que non cesa nos últimos tempos ante a indiferenza das administracións competentes en Galiza e no Estado. “A Mariña debe ser un polo industrial e hoxe esta comarca está sen alternativa, non podemos permitir que caia ALCOA porque as consecuencias económicas e sociais serían inasumibles”, salientou a rexedora.