A portavoz nacional, Ana Pontón, centrou a valoración da comparecencia do presidente da Xunta, tras o encontro virtual co presidente do Goberno, á analizar a preocupante situación das residencias e á decisión de pechar toda actividade económica non esencial.
No primeiro caso, a líder nacionalista lamentou a falta de iniciativa do Goberno galego e instou ao presidente da Xunta a ir máis aló dunha mera enumeración da situación adoptando medidas contundentes e con urxencia: “hoxe o propio presidente da Xunta afirmaba na súa comparecencia que seguirán medrando os contaxios nestes centros pero sen aportar nin unha soa medida para frear a expansión do virus entre un colectivo especialmente vulnerable”.
“Nin unha proposta, nin unha medida por parte do Goberno galego para evitalo, nada sobre como garantir que as residencias conten con material de protección, nada sobre a execución dun plan de choque coa realización masiva de test entre persoas usuarias e traballadoras como demanda o BNG, nada sobre como evitar que a situación nestes centros, que xa é durísima, empeore”, salientou Pontón.
Por iso, a portavoz nacional reclama do Executivo da Xunta “que asuma a súa responsabilidade” e que active un plan de choque destinado ás residencias que inclúa a dotación do material sanitario de protección, test masivos e intervención das residencias privadas. En definitiva, “unha batería de medidas que permita protexer ás persoas maiores”, sintetizou.
O segundo aspecto que centrou a valoración de Pontón foi á decisión de pechar toda a actividade económica non esencial adoptada polo Goberno do Estado, unha medida reiteradamente demandada polo BNG. “Chega tarde pero mellor tarde a que non se produza porque sabemos que quedar casa salva vidas e non se xustifica que nunha situación de emerxencia non se paralizase a actividade non esencial”, alegou.
Neste momento, argumentou, “o importante é poñer por diante a vida das persoas a saúde dos e das traballadoras, salvar vidas, o primeiro agora mesmo é garantir a saúde e superar canto antes a crise sanitaria”. Despois haberá que abordar a recuperación da actividade económica, “un tema que por suposto tamén nos preocupa e moito ao BNG porque afecta ao futuro do noso país, do tecido produtivo, do emprego, porque afecta ás maiorías socias e será necesario poñer en marcha as medidas que permitan afrontar os efectos dunha crise económica que xa está tendo graves consecuencias”, concluíu.
O BNG volver trasladar todo o apoio, recoñecemento e orgullos ás persoas que están en primeira liña plantando cara ao virus, mesmo poñendo en risco a súa seguridade, para que a maioría da poboación poda estar atendida e coas necesidades básicas cubertas. Igualmente, toda a solidariedade e cariño coas familias que perderon algún ser querido, ou que viven situación persoais de contaxio, para todos e todas unha aperta solidaria.