- “Non converta Ferroatlántica no seu particular Canal de Isabel II”, instou
Santiago de Compostela, 24 de Maio 2017.- A portavoz nacional, Ana Pontón, ofreceu ao presidente da Xunta “man tendida” para evitar o pelotazo de 255M€ que pretende o imputado Villar Mir coa venda das centrais dos Ríos Xallas e Grande e para preservar o emprego na plantas de Cee e Dumbría.
“O BNG téndelle a man señor Feijóo porque este é un asunto de país, téndelle a man para salvar o emprego de 300 familias e o futuro Costa da Morte e para salvar a dignidade deste país, porque Galiza non se vende. É tan fácil como dicir non a segregación e venta das centrais, tan fácil como reclamar que os beneficios se invistan en Cee e Dumbría. Non desprece esta proposta, porque hai moito en xogo”, instou Pontón.
Na sesión parlamentaria de control, a dirixente do Bloque pediu a Feijóo que non ceda “á chantaxe” de Villar Mir, investigado por suposto financiamento ilegal do PP na Operación Lezo, “porque é evidente que o único que pretende este empresario madrileño é coller a pasta e pirarse”. “Vai ser cómplice necesario nesa estafa, vai ser Ferroatlántica o seu particular Canal de Isabel II?”, interpelou.
Pontón reprochoulle ao presidente galego o seu radical “cambio de guión” ao pasar do rotundo “nunca houbo segregación de actividades e nunca a haberá” de fai un ano, á actual apelación a criterios técnicos, xurídicos e legais.
“Que vai cumprir a lei? Só faltaría, pero que lei recolle que hai que permitirlle a Villar Mir un pelotazo de 255M€?”, argumentou, tras salientar que tamén o rescate bancario respectou criterios técnicos e xurídicos, “pero en que lei estaba que había que rescatar á banca e deixar tiradas a millóns de persoas e non ao revés”.
O “salvavidas” para as plantas da Costa da Morte son as centrais, -como ben sabía o o Goberno de Fraga que impediu por dúas veces a segregación-, e os investimentos anunciados polo empresario “teñen a mesma credibilidade que se encarga a Bárcenas un plan contra a corrupción”.
“Cando Villar Mir fala de crear emprego ten a credibilidade de quen comprou unha empresa con 500 postos de traballo e hoxe ten menos de 300, cando fala de investimentos, ten a credibilidade de quen anuncia a construción dun forno que xa prometeu hai 19 anos, e aínda estamos esperando, as súas promesas teñen a credibilidade de quen leva 20 anos se investir na modernización das fábricas de Cee e Dumbría pese a ganar centos de millóns pola centrais”.
Pontón tamén preguntou en vano polos 700 empregos anunciados polo Goberno de Feijóo coas centrais que lle adxudicou a Ferroatlántica en 2012. “Onde están eses 700 novos empregos, supoño que en OHL construíndo a cuarta torre da Castellana”, ironizou.
En todo caso, se o presidente galego pensa que as centrais xa non son necesarias para a empresa, “por que regalarllas Villar Mir en lugar de recuperalas para o público e investir os beneficios na Costa da Morte”. Unha interpelación que o presidente galego tamén deixou no aire, e á que Pontón replicou deixando claro que a única garantía de futuro das plantas pasa por manter a vinculación entre explotación eléctrica e industrial.