A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o encontro co Club de prensa de Ferrol para presentar ao BNG como a alternativa de cambio que precisa a cidade, e convidar á veciñanza a aproveitar os vindeiros comicios locais para pasar a páxina da parálise na que está instalado o goberno da Marea sen ter que resignarse a unha dereita que nunca defendeu Ferrol.
“Temos unha oportunidade nas eleccións municipais, e para cambiar esta situación fai falta un proxecto de cidade, fai falta valentía para mudar as cousas, ter amor e confianza no potencial de Ferrol. Cando nunha candidatura conflúen estes ingredientes, está en condicións de ser o motor do cambio que Ferrol necesita”, argumentou Pontón en referencia ao proxecto de cidade do BNG e ao cabeza de candidatura, Iván Rivas.
“Ferrol merece moito máis que un PP que foi incapaz de defender os intereses desta cidade”, indicou, citando como último exemplo a demora intencionada de dous anos na construción de fragatas nos estaleiros para favorecer os intereses privados dunha empresa vinculada ao ex ministro de Defensa do Goberno de Raxoi. “Unha mostra da corrupción das portas xiratorias en contra dos intereses desta cidade e desta comarca”, recalcou.
E tamén merece moito máis que un goberno municipal “instalado nun mero continuísmo das políticas da dereita”. Por iso, “as persoas que apostan por un cambio en Ferrol teñen no BNG a súa alternativa”, proclamou Pontón, convencida de que o Bloque “está en disposición de dar un salto adiante nas eleccións municipais cun candidato solvente e unha equipa sólida, cun traballo contrastado en defensa desta cidade”.
“Imos ir a por todas porque canto mellor lle vai ao BNG, mellor lle vai a Galiza”, salientou, tras deixar claro que a formación nacionalista nunca deixará gobernar á dereita pero que o seu obxectivo nas próxima cita electoral é “liderar” o cambio en Ferrol.
“Temos demostrado a capacidade de transformación nos concellos, estámolo vendo en Moeche ou San Sadurniño”, indicou citando dous gobernos nacionalistas na comarca. A portavoz do Bloque valorou o traballo da súa formación, cunha mención específica a Xaime Bello, presente no almorzo informativo organizado polo Club de Prensa de Ferrol.
Estafa e ferrocarril do século pasado
Tanto na súa intervención como na rolda de preguntas, Pontón salientou algúns dos aspectos máis importantes das propostas nacionalistas en beneficio da cidade. Entre elas, a transferencia da AP-9, como primeiro paso para acabar cunha estafa que fai que viaxar entre Ferrol-A Coruña sexa un luxo que moitas persoas non poden permitirse. “PP e PSOE nunca aprobaron unha rebaixa nas peaxes para Galiza, pero rescatan as radiais madrileñas con 4.000 millóns de euros”, denunciou.
No apartado das infraestrutura, a modernización do tren entre ambas urbes, “porque hoxe calquera ciclista avezad@ chega máis rápido pedaleando que en tren, unha ofensa para a veciñanza de Ferrol soportar un ferrocarril do século pasado”. Saneamento da ría e acabar co espolio enerxético, tamén entre as prioridades como fontes de riqueza para a comarca.
Igualmente salientou a urxencia da darlle a Ferrol unha fiscalidade xusta, na que o mantemento das arcas públicas no caia nas costas da veciñanza mentres o Estado e grandes empresas prestatarias de servizos públicos non pagan o IBI, taxas ou canóns ás que están obrigados.
“Ferrol é unha das cidades con máis potencial de Galiza, pero para iso necesitamos que no concello existan persoas con ideas e proxecto de cidade”, concluíu.