Á portavoz nacional, Ana Pontón, gustaríalle dicir que o Goberno da Xunta “acertaba” co proxecto de orzamentos, pero lamentou non poder facelo porque son unha oportunidade perdida que repite o habitual esquema de propaganda e que deixa sen resolver todas as materias pendentes: reforzar os servizos públicos, atender á emerxencia dos sectores máis impactados pola pandemia e as transformación pendentes cara un modelo económico verde.
“Cando é mais necesario que nunca que os gobernos acerten a realidade é que estes orzamentos seguen tropezando na mesma pedra da rutina e da propaganda, dándolle un portazo ás transformacións que necesita Galiza e lamentablemente van ser unha oportunidade perdida. Son pura rutina a mesma propaganda de sempre da que non son capaces de descabalgarse nin no medio dunha pandemia”, recriminou Pontón.
“Non lles dá pudor, no medio da maior crise do século, vir a este Parlamento co mesmo tram tram e os mesmos titulares? Porque o único que teñen de históricos e que nos contan a mesma historia de sempre”, lamentou.
Pontón subliñou que o Goberno de Feixóo non acerta facendo “agasallos fiscais” ás rendas máis altas privando ao país duns ingresos necesarios, de feito, e pese aos fondos europeos, se descontamos a inflación “estes orzamentos son inferiores aos previstos fai 12 anos”. Ademais, advertiu, Galiza perderá ingresos porque o Goberno da Xunta non ten estratexia para conseguir a xestión directa do Next Generation.
Pontón tamén foi moi crítica co feito de que as contas non recollen as ensinanzas da pandemia: non reforzan a sanidade ni para atención COVID nin para atención ordinaria, nin poñen as bases para un novo modelo de coidados das persoas maiores, ni encarrilan a economía do futuro.
De feito, -sintetizou-, o peso relativo da sanidade baixa, a atención primaria ten menos recursos que antes da chegada de Feixóo á Presidencia; a privatización na área sanitaria de Vigo leva máis de 200 M€, non se aporta nada para reducir as listas de agarda que foron en aumento, apenas hai recursos para atender á saúde mental pese á factura que está pasando a pandemia, e nada tampouco para minimizar a precariedade laboral que ten aos profesionais da sanidade exhaustos.
En relación ao fracaso das residencias, os orzamentos non dan resposta porque non poñen en marcha un novo modelo de atención aos maiores, máis aló do anuncio de sete residencias grazas a un empresario privado, “pero o dereito a unha vellez digna non pode depender da beneficencia”, alegou.
A líder nacionalista reprochou que tampouco se atende á terceira lección do virus: que urxe un cambio de modelo económico apostando polos sectores produtivos desde a ciencia e a investigación e dun xeito sustentable. “Non serve que produza China, nin seguir con esa dependencia do turismo, Galiza ten que producir, transformar os sectores primarios, apostar polo talento, polas TIC’s, pola innovación, pola investigación, pola economía verde. Ese é o futuro, ou estamos aí ou perderemos o tren”.
No mercado laboral sobe a precariedade, en particular nas mulleres e a xente nova. Pese a estes datos, a Xunta levan anos deixando sen executar miles de M€ en programas de emprego, algúns con niveis de gasto que apenas son o 4% do previsto, unha cuestión que “debería avergoñar a un goberno no que a mocidade ten que emigrar por falta de oportunidades”, alegou.
E o mesmo pasa coa investigación, onde o Goberno de Feixóo deixou sen executar tres de cada dez euros, - Plan galego de investigación-, pese a dispoñer xa de contías por debaixo da media. “Mentres outros apostaban pola investigación vostedes apostaban polos recortes, e todo iso cunha débeda pública que se triplicou até acadar os 14.515 M€, pero o máis grave é que se fixo mentres debilitaron os servizos públicos”, denunciou.
Pontón pediu non aplicar a mesma rutina tampouco na tramitación para conseguir que as contas públicas sexan as mellores posibles dentro dos recursos dispoñibles, mobilizando e reorientando as partidas previstas.
Pinza PP-PSOE a Galiza
A modo de exemplo,propuxo destinar 100 M€ para atender ao sector da hostalería, comercio, turismo e cultura; 250 M€ para reforzar atención primaria; 40 M€ para subir as pensións non contributivas; intervención de ALCOA; pacto galego pola innovación creando o INNOGAL; destinar o 1% dos orzamentos para combater a violencia machista e dotar de máis medios a política de apoio ao idioma propio.
Ironizou sobre o descubrimento do PP da discriminación nos orzamentos do Estado, “como Saulo camiño de Damasco”, pese a ser unha constante que se repite, antes co Goberno popular e agora co Goberno socialista.
“O problema é que PP e PSOE lle fan unha pinza a Galiza alternándose na discriminación, gobernos do PP, recortazos; gobernos do PSOE tamén recortazos. O que non se pode tolerar e que os orzamentos do Estado suban un 68% territorializado en aquí baixan un 11%”, alegou, tras recalcar que o BNG vai estar onde estivo sempre: “na defensa dos galegos e das galegas”.
Pontón concluíu recriminando ao PP que, mesmo en pandemia, “siga instalando na normalidade do rodillo, a normalidade dun absolutismo cego e xordo incapaz de negociar a favor do país e que se converte en inútil”.