Ana Pontón: «Somos máis BNG que nunca»

Executiva da XVII AN BNG
Executiva da XVII AN BNG

Primeira comparecencia da nova Executiva Nacional co reto colectivo ensanchar a base social para liderar o Goberno de Galiza en 2024

Compromete o máximo traballo e ilusión para sumar a cada vez máis cidadanía ao proxecto do BNG e poñer en marcha unha Galiza en grande

Apenas unha horas despois de recibir o apoio da militancia, a nova Executiva Nacional mantiña a súa primeira reunión seguida dunha foto de familia e comparecencia da reelixida portavoz nacional, dun BNG máis forte e máis unido, que se fixa como gran reto liderar o Goberno de Galiza en 2024. “Somos máis BNG que nunca”, sintetizou a líder nacionalista, Ana Pontón.

Tras a reunión, afondou nos argumentos que esgrimiu ante o plenario da XVII Asemblea Nacional, marcando como reto a Presidencia da Xunta ensanchando a base social do nacionalismo para disputarlle a hexemonía ao PP, cun proxecto ganador capaz de chegar a maioría social.

“Quedan tres anos por diante de intenso traballo para facer realidade o gran obxectivo: darlle a Galiza o primeiro goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas e poñer en marcha unha Galiza en grande, máis xusta, máis igual, máis feminista, con benestar social, na que vivir e traballar”, proclamou, tras trasladar, en nome da nova dirección, o agradecemento á militancia pola confianza depositada.

“Grazas á militancia polo seu apoio, polo seu calor e entusiasmo e grazas pola confianza depositada. Sei que imos dar o mellor de nós mesmos, de nós mesmas para estar á altura, deixarnos a pel para ir a por todas e facer historia”, recalcou, convencida de que é posible lograr a Presidencia porque cada vez son máis ás persoas que ven no BNG o seu referente de futuro.

“Temos a responsabilidade de construír un proxecto gañador, un proxecto de maiorías. É posible e imos demostralo, sumando a cada vez máis cidadanía a este proxecto de País, porque cada vez son máis as persoas que ven en nós a súa alternativa, a mellor ferramenta para construír esa outra Galiza posible”, argumentou.

Preguntada por que o BNG non se define como independentista, a líder do Bloque subliñou que a formación está no ideolóxico “onde sempre estivo” e medra en apoio social sen renunciar a ningún dos seus principios, senón grazas a saber facerse entender. Pontón mesmo destacou que a claridade da formación nacionalista á hora de definirse é tal que vai no propio denominación da formación.

“Os nosos principios son tan claros que os levamos no nome, porque somos o Bloque Nacionalista Galego, o que significa que somos unha forza nacionalista e estamos no mesmo lugar no que sempre estivemos. É evidente que Galiza é unha nación e defendemos que canta máis capacidade de decisión teñamos, canta máis soberanía para defender os nosos intereses como País, mellor”, argumentou.

O Bloque “non se moveu de onde estaba”, reiterou, “e cando unha forza política pon no seu propio nome o que é estase dirixindo con toda a claridade á sociedade”.  Pontón presumiu dun BNG “capaz de chegar cada vez a máis sectores sociais, capaz de atraer a cada vez máis cidadanía e temos que seguir medrando disputándolle a hexemonía ao PP coa vista posta en conseguir liderar o Goberno deste País, porque somos a alternativa real ao PP”.

Avanzar con pé firme

Como xa fixera na súa intervención na asemblea, destacou que nese camiño cara a Presidencia da Xunta hai fitos importantes, que van desde ensanchar a base social do nacionalismo, “para avanzar con pé firme” sumando cada vez máis persoas de todos  os ámbitos e de todos os sectores. A, igualmente, avanzar nos concellos para trasladar o modelo de gobernos de calidade do BNG a máis vilas e cidades.

E, desde logo, incrementar a representación en Europa e ante o Goberno do Estado, na Eurocámara e no Congreso, “porque se o BNG está, Galiza está e cada vez é máis a cidadanía que se dan conta que cando deciden por nós, perdemos”

E temos moitos exemplos de como o País perde cando deciden desde o centralismo: perde cando deciden sobre o noso sistema enerxético; sobre as infraestruturas como no caso da AP9 e a estafa das peaxes;  perde cando a chave dos nosos cartos están en Madrid. En definitiva, cando deciden por nós o País perde, “e o BNG quere que Galiza gane”, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG