A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou a XVII Asemblea Nacional empezando por agradecer a confianza da militancia que, de xeito masivo co 99% do voto, renovou o seu liderado á fronte do BNG. “Tede a seguridade que vou deixarme a pel para sumar cada día a máis galegos e galegas ao proxecto do BNG”, proclamou tras poñer en valor a forza do colectivo, “porque unha persoa soa pode camiñar máis rápido, pero xuntas imos máis lonxe”.
A líder nacionalista destacou que a nova equipa de dirección que encabeza ten por diante o reto de converter ao Bloque nunha “forza determinante” ensanchando a base social do nacionalismo, de cara ao gran reto de presidir o Goberno da Xunta en 2024. “A nosa vocación é Gobernar este País para darlle un futuro mellor e de esperanza ós galegos e ás galegas, así que non nos poñamos límites porque imos facer historia!”, proclamou, tras agradecer a todas e cada unha das persoas que contribuíron a engrandecer o proxecto nacionalista.
Pontón reiterou a idea de ensanchar a base social e a de construír un proxecto ganador, “e para iso temos que dirixirnos á sociedade cos brazos abertos e as ideas claras”, porque as portas “están abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, que comparten con nós que o cambio ou será galego ou non será”. Neste sentido, destacou que hai un gran sentimento de país, “e temos que traballar con persuasión e xenerosidade para traducir ese sentimento en termos políticos e electorais”.
Para conseguilo, Pontón apelou á mocidade “que mira ao BNG como a única forza capaz de darlle un futuro a unha xeración que se sente estafada”, á que lle pediu “que se rebelen sumándose á construción dunha nova Galiza”, sabendo que a formación nacionalista é a alternativa real ao PP, “que por iso está tan nervioso, consciente de que nos preparamos para disputarlle a hexemonía”.
O País, alegou, precisa ter un goberno coas mans libres, lonxe da submisión á Madrid e aos lobbys económicos, e volveu convidar a facer historia porque é posible derrotar ao PP.
“Somos o BNG do si, do si a darlle un futuro á mocidade; a facer do País un referente na innovación e na ciencia; a poñer a riqueza ao servizo das familias e das empresas, o do si a unha industria sustentable, a unha tarifa eléctrica galega, á sanidade e aos servizos públicos, o BNG do si ao dereito a unha vellez digna, a un modelo forestal sen monocultivo do eucalipto; do si a decidir desde nós para construír un futuro mellor. O BNG do si unha Galiza en grande”, proclamou.
En contraposición á Galiza máis pequena que deixa Feixóo no emprego, na industria, nos servizos públicos, en igualdade, máis pequena na lingua e na cultura. Para darlle a volta, hai que construír un proxecto gañador que chegue ás maiorías sociais, “porque a política non vai só de ter razón, é necesario que a cidadanía nos dea a razón e para iso hai que chegarlle ao corazón”, recalcou, sen renunciar a ningún dos principios do nacionalismo, “pero explicando dun xeito claro e pedagóxico as nosas alternativas”.
Pontón insistiu en dirixirse á sociedade que ve como os gobernos municipais funcionan e marcan a diferencia; que ve o traballo en Europa, da man de Ana Miranda; ou de Nestor Rego no Congreso, sempre en defensa do País. Unha sociedade que ten claro que no son os deputados e deputadas nacionalistas as que lle fan fronte ao absolutismo do PP.
Axenda feminista, prioritaria
Tras salientar que o Bloque está en política para transformar, advertiu contra a “decepción” que xera a política en minúsculas, esa que non cumpre o que promete, como a derrogación da Lei mordaza ou da reforma laboral; a que deixa entrar novos recortes pola porta de atrás da UE, ou a que non cumpre cos traballadores de Alcoa, Alú Ibérica ou As Pontes. Tamén colocou ao BNG no lado da defensa dos dereitos e das liberdades ante unha democracia de baixa calidade, cunha Casa Real corrupta, un rei emérito a fuga ou unha banca que sempre gana.
Pontón concluíu o seu discurso facendo un recoñecemento expreso ás mulleres que “demostramos que queremos cambiar o mundo para avanzar en igualdade real con decisión, poñendo o turbo porque estamos cansas de esperar”. E por iso, o Bloque asume “como prioritario unha axenda feminista que permita avanzar cara unha Galiza de mulleres libres e iguais”.
E neste recoñecemento, Pontón fixo tamén unha mención específica ás mulleres do BNG, “a todas e cada unha delas, ás de antes e ás de agora” porque, indicou, “a política tamén é un mundo moi masculino e non sempre o temos fácil, ao contrario, temos que superar máis barreiras. Que hoxe o BNG teña mulleres en postos relevantes é o traballo de todas as que nos precederon durante anos. E quero darvos as grazas de todo corazón”, recalcou.
Neste sentido, e precisamente para non esquecer ese traballo, animou a “seguir avanzando no empoderamento das mulleres na política, dando paso aos valores que o feminismo aporta: empatía, inclusión, diálogo, participación, en definitiva, pensar que estamos aquí para convencer antes que vencer”.
Pontón concluíu destacando que tras esta asemblea, na que tamén se aprobou o informe e o relatorio político cun apoio case unánime da militancia, o BNG arranca un novo ciclo político co reto de liderar o goberno para construír unha Galiza en grande e facer historia. A asemblea tamén aprobou o informe e o relatorio político cun apoio case unánime da militancia.