Ana Pontón abre a XVII Asemblea Nacional convidando ao BNG a lograr o gran reto colectivo de liderar Galiza en 2024

Ana Pontón
Ana Pontón

“Fagamos historia abrindo un tempo novo de futuro e esperanza para os galegos e as galegas cunha Presidencia nacionalista”, proclamou

Destacou os acertos do BNG que hoxe é máis forte ca nunca grazas “á  xenerosidade, lealdade, unidade de criterio e de acción do colectivo”

O BNG ten por diante tres fitos camiño do Goberno do País: ensanchar a organización, aumentar a representación nos concellos e incrementar a presenza tanto no Congreso como na Eurocámara

Destaca a “inmensa” forza do BNG para ensanchar a súa base social: “ter as mans libres para defender Galiza sen submisión ao centralismo”

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu a XVII Asemblea Nacional do BNG pedindo un aplauso de recoñecemento para  unha organización que logrou converterse na alternativa real ao PP, tras superar unha situación complexa até ser a segunda forza do País, despois de actualizar discurso e saber ler con acerto o momento político e social.

“Permitídeme que empece pedindo un aplauso para esta organización e para esta militancia que da o mellor de si en cada lugar, que demostrou que, desde a confianza en nós e desde a confianza no País, todo é posible”, salientou, para  dar paso a unha “intensa xornada de debate”, de posta en común colectiva para fixar a folla de ruta cara o gran obxectivo: liderar o Goberno de Galiza en 2024 e facer historia.

“Facer historia abrindo un tempo novo de futuro e de esperanza para os galegos e as galegas cunha Presidencia nacionalista”, proclamou Pontón ante o plenario convocado no Coliseo da Coruña.

A portavoz nacionalista botou a vista atrás para comparar a asemblea de 2016, cando asumiu o liderado do Bloque en pleno ano electoral, até o cumio de hoxe, na que se pasou do “escepticismo” cara o BNG a obter o mellor resultado da súa historia, mérito que atribuíu ao esforzo colectivo da militancia.

“Vós, a militancia, sodes a gran protagonista dese logro, porque as persoas son importantes, pero a forza do colectivo é a que realmente nos fai chegar lonxe. A fortaleza do BNG non está en ningunha persoa ou grupos de persoas, está na xenerosidade, na lealdade, na unidade de criterio e de acción do colectiva. E ten moito máis mérito manter esa unidade en situacións difíciles e cambiantes, onde tivemos que afinar ben a táctica e a mensaxe. E fixémolo todos a unha”, recalcou.

Hoxe, cun BNG “máis forte, unido e cohesionado que nunca”, Pontón explicou os fitos que quedan por diante no camiño do gran reto de liderar o Goberno de Galiza en 2024.

En primeiro lugar, seguir fortalecendo a organización e ensanchar a base social, “porque sen esa fortaleza todos os avances terían os pés de barro”; segundo, avanzar nas eleccións municipais “enfrontándoas con decisión e coa convicción de que é posíbel chegar a esa maioría social”; en terceiro lugar, aumentar a representación nas Cortes do Estado e no Parlamento Europeo como garantía de defensa dos intereses do País. Todo de cara ao gran reto colectivo dos próximos tres anos de presidir Galiza en 2024.

Plenario da XVII asemblea do BNGConstruír un proxecto ganador e de maiorías

“Porque ese é o reto que colectivamente queremos lograr: construír un proxecto ganador capaz de disputarlle a hexemonía ao PP, ser unha forza de maiorías para liderar o País”, sintetizou.

A portavoz nacional tamén salientou os acertos que lle permitiron ao BNG chegar a situación actual e estar en disposición de poder disputarlle a hexemonía ao PP, tras adoptar decisións “audaces e valentes”. Entre eses acertos, a aposta por un discurso claro e actualizado “que nos fixo conectar coa cidadanía” poñendo o foco nas persoas e nas súas prioridades, “soubemos ler o momento e interpretar con acerto o que estaba pasando”, subliñou.

Entre as decisión valentes que supuxeron un acerto, “a aposta pola unidade e pola coherencia”  dun BNG que se mantivo “firme” na decisión de seguir a ser unha forza política “coa cabeza e o corazón no País”. “E os resultados están á vista, porque hoxe cada vez son máis os galegos e as galegas que ven ao Bloque como a alternativa real ao PP, que ven en nós á forza capaz de poñer en marcha un Galiza en grande”,  subliñou.

Folla de ruta cara á Presidencia

Pontón amosouse convencida de que o a organización seguirá acertando tras a folla de ruta que marque esta asemblea para conseguir chegar a cada vez máis cidadanía, “porque o nacionalismo galego sempre, desde o seu nacemento, tivo vocación maioritaria e neste momento estamos en condicións de conseguilo”.

A portavoz do Bloque reiterou a súa apelación á importancia do colectivo e a importancia de fuxir do conformismo ou da rutina: “Son das que penso que nin na vida, nin na política podemos dar nada por feito, nin por sentado e iso foi o que, humildemente, intentei coa miña reflexión”, explicou, convencida de que “deixarse levar pola inercia, acomodarse cando está en xogo o futuro de Galiza, tería sido un erro maiúsculo e, posiblemente, un lastre no reto colectivo que temos por diante”

                                                                                                                                                                                                                                                        Pontón destacou a “ilusión e  o entusiasmo” dunha organización e dunha militancia disposta a ir a por todas, a non fixarse límites para  converterse nunha forza de maiorías sociais e que está disposta a facer todos os esforzos para logralo.

“Por diante quedan tres anos para ganar unha nova Galiza, abrir un tempo de esperanza liderando o Goberno da Xunta, tres anos para ensanchar a base social do nacionalismo, para avanzar nun BNG cada vez máis amplo, enriquecendo o proxecto que representamos a través do contacto permanente cos sectores económicos, sociais, e culturais”, indicou.

Pontón destacou que “Galiza é un gran país, con recursos, con riqueza, cun potencial enorme e, sobre todo, con xente honesta e capaz de saír adiante incluso nos momentos máis duros”, indicou en relación á pandemia, que deixa unha crise sen precedentes en tempos de paz.

Contra o pasotismo, a ilusión do BNG

De feito, a líder do Bloque puxo o foco no risco de que desta crise avance “o descontento que provoque pasotismo, frustración e desmobilización, porque iso só favorece ás forzas políticas que queren manter un status quo, nocivo para Galiza, cando non a involución democrática, a perda de dereitos, a intolerancia, o odio á diversidade, as teorías negacionistas da man da extrema dereita e dunha dereita que cada vez se lle parece máis”.

Por iso, “fronte á crise, nacionalismo; fronte a frustración, a ilusión que representa o BNG”, recalcou, convidando a traballar “sen descanso coa man tendida, cun sorriso nos labios e con razóns que cheguen ao corazón para sumar a todas as persoas que saben que outra Galiza é posible, máis igual, máis xusta, máis democrática, máis feminista, máis sustentábel, na que vivir e traballar”.

Pontón destacou que o BNG está na mellor posición para conseguilo. “Empezando pola fortaleza, inmensa, que nós da ser unha forza política coas mans libres, sen ataduras, nin sucursalismos, sen ter que pedir permiso  para defender Galiza, así de simple, pero así de revolucionario no medio de tanta submisión centralista, tan inútil e tan prexudicial”, alegou.

Obriga de acertar

“O BNG é leal a Galiza, porque actuamos desde o amor a este País, desde a confianza no que somos como pobo, desde o afán por construír unha sociedade cada vez máis xusta, máis igual, máis libre e con esa lealdade irredutible seguiremos centrados nas preocupacións da xente, ofrecendo alternativas e solucións aos problemas que impactan de cheo nas familias, na clase traballadora, nas persoas autónomas, na pequenas e medianas empresas, e cando teñamos responsabilidades de goberno transformando en positivo en favor da maioría social”.

Para iso, concluíu, “temos a obriga de acertar para que, en 2024, fagamos realidade a oportunidade histórica de darlle a este País un goberno que defenda os seus intereses, que poña en marcha un cambio transformador a favor das persoas, que poña as institucións ao servizo de Galiza espremendo as posibilidades do actual Estatuto, pero con vocación ir a máis e conseguir para este País todas as ferramentas que permitan darlle unha vida mellor aos galegos e as galegas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG