Ana Pontón reta a Feijóo a comprometerse coa transferencia da AP-9 no primeiro pleno da Cámara Galega

Rolda de prensa Ana Pontón
Rolda de prensa Ana Pontón
  • Ana Pontón  anuncia que na primeira pregunta que formulará o BNG a   Feijóo, o presidente  debe responder se está disposto a “plantarlle cara a Rajoy e Cifuentes” e reclamar a transferencia da AP-9

A portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón anunciou hoxe que na primeira pregunta que formulará a Feijóo na primeira sesión plenaria comprobaremos “se Galiza está por riba de todo e si será  o primeiro e non tolerar ningún tipo de discriminación para os galegos e galegas en función do que pase noutros territorios”. Neste sentido, explicou que un claro exemplo desta discriminación será o que suceda coa AP-9 e a súa transferencia a Galiza.

A AP-9 recada a diario 300.000 euros que pagamos, dixo Pontón, en peaxes todos os galegos e galegas pero ademais  é unha das poucas autoestradas do Estado que conta coa concesión privada por un máximo de 75 anos. 

Para o BNG, recalcou a súa portavoz , “a AP-9 está máis que amortizada” e na primeira sesión plenaria  imos ofrecerlle a Feijóo a oportunidade de demostrar que “é militante de Galiza” e non vai permitir este trato discriminatorio. A pregunta será “se considera se é de recibo que o Goberno de Rajoy anuncie 8 mil M€ para rescatar as autoestradas madrileñas polas que non pasa ninguén e son unha ruína e  para transferir a Galiza a AP-9 ten cero euros”.

O BNG tende a man a un pacto para a transferencia da AP-9

Nesta liña, Ana Pontón foi clara, “dende o BNG seguimos coa man tendida para evitar este agravio sen precedentes e sobre todo coa man tendida para rematar coas abusivas peaxes”, a cuestión agora, preguntou a parlamentaria  é saber se Feijóo cumprirá coa súa palabra ou só o fixo cara o debate de investidura.

No transcurso da pregunta do BNG comprobaremos, recalcou Pontón,  se Feijóo está disposto a “plantarlle cara a Rajoy e a Cifuentes”.

Valoración  novo Goberno de Feijóo

A portavoz parlamentaria considerou que o novo goberno de Feijóo manifesta que o Presidente da Xunta “non ten nada novo que ofrecer a todos os galegos e galegas” e na súa opinión, “pasouse de freada” na alta valoración que fixo do seu goberno. Para o BNG, que Feijóo manteña todos e todas os conselleiros de antes das eleccións, constata o seu “inmobilismo” para mellorar a vida dos galegos e galegas e “un acomodamento” moi perigoso para o noso país que  necesita  “un novo impulso”. Feijóo non quere dar interpretacións a respecto da súa sucesión no partido e utiliza ás institucións e conselleiros e conselleiras como lanzadeira para as vindeiras eleccións municipais, “ veremos que serán os candidatos e candidatas” e entenderemos as decisións que hoxe acaba de adoptar.

Con este goberno, “Feijóo pecha a esperanza de moita xente” que padecerá as mesmas políticas da pasada lexislatura en materia de sanidade, educación, e dependencia.

Traslado do grupo

A preguntas d@s xornalistas sobre o traslado do Grupo do BNG, a outras dependencias do Parlamento galego, Ana Pontón cualificou de "desaloxo" o cambio  e lamentou que os compañeiros e compañeiras de En Marea se confundan de “inimigo". Para Ana Pontón, as decisións deben contar con acordos e consensos de todos e non en pleno debate de investidura porque , explicou,  "as cousas hai que facelas con outro sosego e calma".

A portavoz do BNG mostrouse "abraiada" coas prioridades doutros grupos e sobre todo dos que falan da gran coalición en Madrid e mentres na  Mesa do Parlamento en Galiza actúan con unanimidade. "Non entendemos que non se respecten os acordos da Cámara e os cambios sexan á costa dun agravio a outro grupo, neste caso ao grupo parlamentar do BNG".

Para a deputada, a decisión de trasladar o grupo parlamentario do BNG a outras dependencias na casa do Hórreo responde “á soberbia coa que se pode entrar nunha institución” e dende o BNG “nada nos vai a desviar do noso traballo  que non é outro máis que  defender os intereses de todos os galegos e galegas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG