- Aposta por “superar burocracias” e converter o Parlamento no centro da vida política levando á Cámara os problemas reais da rúa para que @s galeg@s “recuperen o sorriso”
- Da por iniciada unha nova etapa desde a “unidade e a ilusión na que todos e todas somos necesarias”
O Consello nacional do BNG fixo unha valoración positiva dos resultados electorais do 25S que, sen cumprir o obxectivo que se perseguía de derrotar ao PP, rompen a tendencia dos últimos procesos e evidencian a recuperación dun apoio social e electoral ao proxecto do Bloque.
“É un paso para diante que debemos consolidar e ampliar, con ánimos renovados e con máis convicción que nunca no proxecto político do nacionalismo, empezamos unha nova etapa con máis cohesión e unidade, con máis entusiasmo e ilusión”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón. “No BNG somos parte desa Galiza inconformista e rebelde, e esa voz vaise sentir con forza no Parlamento. Traballaremos con humildade e con convicción, para devolverlle o sorriso aos galegos e galegas e para que se sintan representadas nas nosas propostas e principios”, recalcou.
Neste sentido, explicou a dirixente do Bloque, o 25S “é o principio dunha nova etapa onde todas e cada unha de nós somos necesarias e temos as portas abertas para ampliar o proxecto do BNG e avanzar social e electoralmente”.
Pontón salientou que a formación nacionalista traballará para converter o Parlamento no centro da vida política trasladando á Cámara os problemas que padece a xente na rúa, e xa avanzou que loitarán contra a burocracia porque Galiza precisa un Parlamento “do século XXI e non do XIX”.
“O Parlamento ten que ser o centro da vida política e ter unha conexión clara e directa co día a día da xente do nosos país. Para iso urxe dotala de dinamismo e eliminar burocracia dunha institución que funciona con esquemas e ritmos de hai 30 anos. Imos facer unha oposición seria, de ideas e con vontade clara de dar un cambio á vida parlamentar galega”, resumiu Pontón, quen adiantou que o BNG vai propoñer unha reforma do regulamento.
“O pobo ten que sentir que o Parlamento o representa”, alegou.
As maiorías absolutas non dan a razón
Interpelada pola marxe de manobra que deixa a maioría absoluta do PP, respondeu que “as maiorías absolutas dan dereito a gobernar, pero non dan a razón, nin a verdade e agardamos que Feijóo cambie esa tendencia de pensar que non ten nada que aceptar da oposición, que xestione esa maioría con responsabilidade e con respecto aos galegos e galegas que non pensan coma el”.
Con palabras de recoñecemento e afecto polo traballo desenvolvido polos ata agora deputados e deputadas, -”aos que agradezo especialmente a súa disposición a seguir aportando”-, Pontón salientou que a composición do novo grupo conxuga experiencia e renovación cunha clara aposta por darlle as mulleres un papel protagonista. “Tamén nisto estamos facendo a nosa pequena historia”, indicou a líder nacionalista.
Igualmente, deixou claro que o Bloque impulsará propostas políticas que aposten por poñer en valor o potencial do país e polo seu desenvolvemento económico, por blindar dereitos sociais e avanzar en cambios no marco actual para dotar a Galiza de poder político real, de ferramentas para avanzar.
O IBEX-35 non se presenta ás eleccións
Pontón non quixo especular sobre cal vai ser o resultado da crise que vive o PSOE, pero si constatou que o marco político do 78 está esgotado, por moito que os poderes fácticos presionen para favorecer un goberno de Rajoy.
“Se o IBEX-35 quere gobernar que se presente ás eleccións”, denunciou, tras evidenciar a crise da esquerda española cun PSOE e un Podemos “incapaces de acordar un goberno alternativo ao do PP e de recoñecer a existencia de nacións como Cataluña, Euskadi e Galiza que se expresan politicamente noutras claves”.
O Consello Nacional, por boca da portavoz nacional, volveu facer un recoñecemento expreso do traballo da militancia, simpatizantes, das forzas políticas integradas na candidatura, -FOGA e PCPG-, e candidat@s pola campaña “rica en ideas, creatividade e imaxinación”, con mención específica a Goretti Sanmartín como directora da mesma.